O Concello de Silleda renova o acordo de custodia para protexer a colonia de morcegos do pombal de Carboeiro

Silleda, 3 de marzo de 2025. O  Concello de Silleda vén de renovar o acordo de custodia da colonia de morcegos que habita no pombal situado xunto ao mosteiro románico de Carboeiro. O acordo, asinado coa Asociación Morcegos de Galega establece unha serie de medidas para conservar os morcegos que se refuxian nesta instalación, unha interesante colonia do chamado morcego de ferradura pequeno (Rhinolophus hipposideros), unha especie actualmente protexida e ameazada.

A alcaldesa, Paula Fernández e a presidenta do colectivo Ledicia Santos asinarán o acordo que se enmarca na iniciativa de conservación de refuxios de morcegos impulsada por Morcegos de Galicia, un colectivo sen ánimo de lucro que ten entre os seus fins a conservación do patrimonio natural, facendo partícipes a propietarios e usuarios do territorio mediante acordos de custodia.

No convenio asinado, que vén a renovar o primeiro de 2014 e que terá tamén unha duración de 10 anos, establécense as bases para a conservación da colonia, que ademais do pombal tamén estará no muiño do mosteiro. Tamén se velará pola boa conservación deste refuxio, e non se adoptará ningunha medida que implique a morte ou molestia dos morcegos, ou que impida a súa entrada ou saída do pombal.

O pombal está situado no extremo norte do mosteiro románico de Carboeiro, cun bo estado de conservación e o muiño na zona do río. O acceso a estas construcións, quedará limitado en virtude deste acordo para a protección destes morcegos de ferradura, un xénero da familia Rhinolophidae, de orixe tropical, que conta con tres especies en Galicia.

Trátase de morcegos de pequeno tamaño, de apenas 5 gramos de peso, que moran en hábitats con boa cobertura forestal e que usan principalmente construcións humanas como refuxio de cría.

O Rhinolophus hipposideros está incluido na directiva europea de hábitats e figura ademais no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, coa categoría de vulnerable.

A colonia localizada no ano 2014 consta cun número aproximado de 40 adultos, o que a sitúa dentro do tamaño medio para a especie en Galicia. A súa situación xeográfica, entre a liñaxe xenética predominante no sur de Galicia e o diverso conxunto de liñaxes existente na metade norte confírenlle un gran interese desde o punto de vista da conservación da especie en Galicia.

Dende Morcegos de Galicia está previsto realizar visitas con carácter anual para avaliar o estado da colonia.

A presenza desta especie en Carboeiro vén a incrementar a valía do patrimonio natural no que se atopa o histórico mosteiro silledense. Por iso, e en virtude deste acordo está previsto instalar xunto ao pombal un panel informativo dando a coñecer o peche do pombal e a súa motivación, con datos e imaxes sobre esta especie protexida.

“Coa renovación deste convenio vistos os bos resultados logo dunha década de seguemento por parte da comunidade científica sobre esta especie, dende o Concello de Silleda continuamos contribuíndo á protección desta especie e visibilizando a posibilidade de facer compatible a conservación desta colonia co uso turístico e cultural do Mosteiro de Carboeiro”, remarca a alcaldesa, Paula Fernández.