O Concello de Silleda restrinxe a atención a casos urxentes e só de forma presencial no Rexistro e Servizos Sociais

Silleda, 16 de marzo de 2020.  O Concello de Silleda vén de ampliar hoxe as medidas preventivas para frear a expansión do COVID 19. O alcalde, Manuel Cuiña, mantivo como estaba previsto a primeira das xuntanzas do comité de seguimento da crise, co presidente do Comité de empresa do Concello, ao que informou das novas medidas a adoptar.

As competencias da Xunta de Goberno Local, seguindo as indicacións da Fegamp, quedan avocadas para realizar os trámites que sexan necesarios vía decreto de Alcaldía. A xornada laboral da plantilla redúcese en dúas horas, sendo de 09:00 a 14:00 horas e atendendo de xeito presencial e “só para cuestións urxentes ou estrictamente necesarias” no Rexistro Municipal ou nas dependencias de Servizos Sociais. O resto das instalacións continuarán como dende o pasado venres pechadas por completo ao público.

A veciñanza pode contactar co Concello a través do teléfono 986 580000. Na casa consistorial reforzarase así mesmo a atención telefónica.

Unha das cuestións que se priorizará é a atención ás familias con menos recursos,  para as que se artella un sistema que garantice o subministro de alimentos, sobre todo tendo en cuesta cuestións como a suspensión das clases e en consecuencia do comedor escolar. “Temos 27 familias que están utilizando o banco de alimentos, e que dende hoxe xa poden acudir directamente ao supermercado a realizar a súa compra”, indica o alcalde, lembrando que “a atención a estas familias é algo básico e fundamental”, indica o alcalde.

Pago de facturas

Outra das cuestións que se acordou por parte da Alcaldía é o pago nas próximas horas das facturas que están pendentes. “Sabemos que hai empresas e autónomos que terán dificultades, polo que abonaremos as facturas que estén pendentes a fin de inxectar liquidez”, engade o alcalde e responsable municipal de Facenda.

Teletraballo e novas reunións

Por outra banda, o alcalde lembra que xa na xornada do venres se ordenou permanecer nos seus domicilios a aquelas persoas da plantilla con patoloxías previas ou enfermedades que as fan ser de risco ante este virus. Na xornada de mañá, como estaba previsto, implantarase o teletraballo para os postos nos que se éste sexa posible.

A flexibilización horaria e para a conciliación familiar dos traballadores e traballadoras que o precisen xa se acordou na xuntanza do venres cos representantes da plantilla.

As reunións do comité de seguimento continuarán mañá, “a fin de avaliar as medidas adoptadas e ver se as incrementamos, dado que a situación é moi cambiante”, indica o alcalde, que apela á “responsabilidade de todos os veciños e veciñas de Silleda para cumplir cas restriccións que decreta o Estado de Alarma e tratar de superar entre todos esta crise”, engade.

Sen efecto o prazo para a bonificación do IBI

Por outro lado, e dado que as medidas decretadas polo Goberno central así o establecen, queda sen efecto o prazo que estaba estipulado (para o 31 de marzo) para solicitar a bonificación do IBI para explotacións agrogandeiras.Tamén se suspende o proceso de selección de personal previsto para os próximos días, a fin de contratar a varias persoas a través do Plan Concellos da Deputación.