O Concello de Silleda retirou este ano preto de 100.000 kilos de plásticos agrícolas

Silleda, 8 de novembro de 2019-.  O Concello de Silleda, a través das Concellerías de Medio Ambiente e Medio Rural continúa con éxito a campaña para retirar e reciclar os plásticos agrícolas.

O programa, que se puxo en marcha en 2008 e que se realiza de xeito gratuito para os usuarios, rematou este ano cun preto de 100.000 kilos retirados.

Logo da primeira fase executada en abril, a segunda tivo lugar o pasado mes de outubro, con 115 peticións rexistradas nun total de 28 parroquias, entre as que destacaron as de Escuadro, Graba e Laro, con máis de 10 solicitudes en cada unha delas.

En total retiráronse nesta segunda fase 46.580 kilos de plásticos de silos e invernadoiros, o que supón xunto cos datos de abril un total de 88.140 kilogramos. A esta cantidade hai que sumar tamén o preto de 10.000 kilos que se depositaron no Punto Limpo de Silleda, onde se recomenda levar os plásticos para a súa correcta reciclase fóra destas dúas campañas anuais.  Así, a cantidade retirada ronda os 100.000 kilos de plásticos.

“Dende o Concello queremos agradecer unha vez máis a excelente colaboración de todos os usuarios, para poder realizar con éxito esta fase de outono coa colocación dos plásticos en lugares adecuados,  limpos de terra e outros materiais e  sobre todo seguindo as indicacións dadas de non metelos nas sacas de big bag, que desta vez se cumpliu prácticamente ao 100%”, indica o concelleiro de Medio Ambiente, Klaus  Brey.

Tamén dende a empresa Sima se agradece a colaboración ofrecida por todos os usuarios da recollida porta a porta e quere transmitir a felicitación dada polo Centro de Transformación do Carballiño, lugar de destino do material, por ir nunhas condicións adecuadas para o seu tratamento.

“Os gandeiros e agricultores  de Silleda volven demostrar unha vez máis a súa veteranía no xeito de proceder, xa que cada vez participan máis nestas campañas o que demostra o nivel de concienciación” , apunta o concelleiro de Medio Rural, Jesús Taboada, lembrando que as explotacións se veñen desprendendo aproximadamente de unha tonelada de plástico por ano.

Esta iniciativa foi unha medida de gran acollida veciñal, evitando a acumulación duns plásticos que, metidos en terra tardarían 500 anos en degradarse. Ao mesmo tempo evítase o impacto visual e recíclase o material. Tamén hai que ter en conta, en canto ás vantaxes medioambientais que para fabricar 1 kilo de plástico deste tipo se emitan 2,7 metros cúbicos de CO2 á atmósfera.