O Concello de Silleda subscribe o convenio de colaboración coa Xunta para a prevención e defensa de incendios forestais

 -Subscribiuse a dúas actuacións nun plan de vixencia trianual

Silleda, 20 de abril de 2016.  O Concello de Silleda ven de adherirse ó convenio de colaboración proposto pola Consellería de Medio Rural para a participación na prevención e defensa contra incendios forestais entre os anos 2016 e 2018.

A entidade subscribiuse en dúas actuacións.

A primeira delas é a participación na defensa contra incendios mediante a actuación de vehículos motobomba de propiedade municipal, para a que o concello, ademais de integrarse no dispositivo de emerxencias do Distrito Forestal, deberá dispoñer o persoal co equipo obrigatorio, así coma do vehículo motobomba en perfectas condicións.

Pola súa parte son gastos subvencionables da actuación do VMB todos os derivados da execución de actuacións dos vehículos: gastos de persoal, funcionamento e mantementos, recoñecementos médicos e probas de esforzo, cursos de formación e custos da suministración de Epis e ferramentas.

Esta actuación é a novidade con respecto ós últimos anos, nos que o concello só participaba coas limpezas con tractores.

O vehículo do concello, un Pegaso, estivo parado durante un tempo ata a súa total posta a punto.

A segunda das actuacións na que se subscribiu o concello foi na participación na prevención de incendios forestais mediante tratamentos preventivos en vías e camiños de titularidade municipal con tractores, campaña na que o municipio ven participando dende hai 10 anos.

O obxecto da mesma é a prevención mediante desbroces en 71 hectáreas  de vías e camiños forestais e faixas de xestión de biomasa de titularidade municipal, así coma en zonas de servidume e camiños, todos eles propostos polo concello.

Estas actuacións darán comezo entre os días 1 e 31 de xullo e terán unha duración de tres meses.