O Concello de Silleda traslada á Xunta a necesidade de arranxar o repetidor de TDT de Parada

Silleda, 4 de novembro de 2013. O Concello de Silleda trasladou nas últimas semanas á Xunta  o arranxo dos problemas no repetidor da TDT de Parada, que dá servizo a esta parroquia ademais das de Laro e Refoxos. Nos últimos días varios veciños e veciñas chamaron ao Concello para informar de que non vían a maioría dos canais de televisión.

Dende o Concello deuse aviso tanto á empresa encargada do repetidor, Retegal, como á Oficina da TDT da Xunta, toda vez que se comprobou que os problemas persistían e que había suministro eléctrico.

“Cando hai tormentas é habitual que haxa desconexións que afecten a este e outros repetidores, pero os técnicos municipais comprobaron que todo estaba en orden, por iso solicitamos a revisión dos técnicos da Xunta”, sinala o concelleiro Luis Rodríguez.

Logo de varios avisos, dende a Xunta informaron que os fallos no sinal se deben a existencia de árbores que están a obstruir a antena receptora. Hoxe mesmo o concelleiro Luis Rodríguez e os técnicos municipais voltaron ata o lugar de Cualleira, en Parada, onde está situado o receptor para revisar o entorno da antena.

Cambio de orientación da antena

Dende o goberno municipal agárdase que os problemas na mala recepción da sinal da TDT se poidan solucionar no menor tempo posible. Logo de comprobar que as plantacións poden provocar interferencias, dende o goberno local propoñerase como solución a Retegal levantar a antena receptora para salvar os árbores, ou buscar unha nova ubicación.

 “Cremos que cando se ubicou alí o repetidor houbo falta de previsión, porque está moi preto dunha masa forestal considerable”, sinala Rodríguez.  “Somos conscientes dos trastornos que se lles están a ocasionar os veciños e veciñas, e por iso dende o Concello trataremos de facer todo o posible para arranxar a situación”, engade o concelleiro.