O Concello de Silleda urbanizará a Travesía Vista Alegre, na vila da Bandeira

Silleda, 9 de febreiro de 2019.  O Concello de Silleda mellorará na vila da Bandeira a Travesía de Vistalegre, un tramo paralelo a rúa Xeral que discorre entre a rúa Lourás e a rúa Fernando Penoucos. A inversión prevista é de 73.053 euros, segundo se recolle no proxecto de acondicionamento deste tramo, onde se mellorarán as beirarrúas e se dotará entre outros de saneamento.

Así mesmo, está previsto dotar a esta rúa dun único sentido de circulación, creando unha zona de estacionamento nunha das marxes e ampliando as beirarrúas existentes ata os 2 metros de ancho.

Tamén se dotará á calzada dun novo paviemento, rehabilitando o actual que se atopa moi deteriorado e executando a rede de pluviais.

Esta actuación municipal vén de concorrer á liña de axudas autonómicas recollidas na orde do 21 de decembro pola que se convocan as subvencións destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos de menos de 50.000 habitantes, da Consellería do Medio Ambiente e Territorio.

“Agardamos que o proxecto poida acadar a subvención solicitada para continuar mellorando os nosos espazos urbanos con mellores servizos e infraestruturas”, indica o alcalde, Manuel Cuiña, que lembra outras actuacións dos últimos anos coma a urbanización da rúa Lavadoiro e a mellora do entorno da praza Camilo José Cela, a actuación da rúa Lourás e o entorno da Gandareira, ou outras levadas a cabo en Silleda como a dotación de sendas na carretera de O Castro, na de Vilanova, ou a próxima actuación que se levará a cabo no tramo de Chousa Nova, a través do programa DepoRemse, cunha invesión de 500.000 euros.