O Concello de Silleda volve promocionar os seus recursos turísticos en Turexpo

 

  • O municipio contará de novo con stand propio na Semana Verde, cun espazo no que se poñerán en valor a natureza, o patrimonio e os “Sabores de Silleda”
  • O Mosteiro de Carboeiro terá un protagonismo especial nesta edición, como un dos grandes referentes patrimoniais e turísticos do municipio
  • As festas gastronómicas volverán estar presentes coa promoción da Festa do Lacón, Festa da Empanada, Festa dos Callos, Festa da Paella, Romaría da Tortilla, Romaría da Rosquilla e Vacún á Brasa de Moalde

Silleda, 1 de xuño de 2026. O Concello de Silleda volverá estar presente na Feira Internacional Semana Verde de Galicia, que arranca este xoves día 4, dentro do salón turístico Turexpo, cun stand propio no que se promocionarán os principais recursos turísticos do municipio anfitrión do certame.

O espazo municipal servirá un ano máis como escaparate da oferta turística de Silleda, incidindo na riqueza natural, patrimonial, cultural e gastronómica do territorio. Nesta edición, o Mosteiro de Carboeiro terá un protagonismo especial, como unha das xoias patrimoniais máis singulares do municipio e un dos principais reclamos para as persoas que visitan Silleda ao longo do ano. Carboeiro será tamén protagonista dun sorteo participativo que se dará a coñecer nos vindeiros días.

A presenza do Concello en Turexpo manterá tamén a liña promocional arredor dos Sabores de Silleda”, unha marca que pon en valor a calidade gastronómica do municipio e o traballo das comisións organizadoras das festas gastronómicas, que constitúen unha parte fundamental da identidade local.

Así, no stand municipal promocionaranse citas xa consolidadas como a Festa do Lacón de Silleda, a Festa da Empanada da Bandeira, a Festa dos Callos de Ansemil-Martixe, a Festa da Paella de Cortegada, a Romaría da Tortilla de Laro, a Romaría da Rosquilla e o Vacún á Brasa de Moalde.

Dende o Concello de Silleda agradécese de novo a colaboración das comisións organizadoras destas celebracións, “que son as verdadeiras embaixadoras dos sabores de Silleda e que contribúen, ano tras ano, a manter viva unha tradición gastronómica moi vinculada á nosa forma de ser e de compartir”, sinalan dende o goberno municipal.

A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que a presenza en Turexpo “é unha oportunidade inmellorable para seguir mostrando todo o potencial de Silleda como destino turístico, aproveitando ademais o feito de ser o municipio anfitrión dun dos grandes certames de Galicia”.

Fernández incide en que Silleda “conta con recursos naturais e patrimoniais de primeiro nivel, como a Fervenza do Toxa ou o Mosteiro de Carboeiro, pero tamén cun tecido social que mantén vivas festas e tradicións que son un atractivo máis para quen se achega ao noso concello”.

 

Con Goza do Ulla e o Camiño de Inverno

Asímesmo Silleda tamén estará presente noutros stands colectivos da mostra, caso de Goza do Ulla, con 20 concellos que comparten as rutas de sendeirismo, e a Asociación de Concellos do Camiño de Inverno, que atravesa a localidade ao igual que o Camiño do Sudeste.

“Turexpo permítenos reforzar a promoción de Silleda como un destino completo, no que natureza, patrimonio, cultura e gastronomía camiñan da man”, sinala a alcaldesa.  “Queremos que quen pase polo noso stand descubra Silleda, pero tamén que teña motivos para volver e coñecela con calma”, engade.

O stand municipal estará aberto durante a celebración da Semana Verde, ata o domingo día 7, ofrecendo información turística sobre o municipio e os seus principais recursos, rutas, festas e propostas para gozar de Silleda ao longo de todo o ano.