O Concello dota de cociña o local social da parroquia de Fiestras

Silleda, 19 de xaneiro de 2015. O Concello de Silleda dotará de un espazo habilitado como cociña ao local social da parroquia de Fiestras. Estas dependencias novas situaránse nun local aledaño ao edificio (na parte dereita) que a día de hoxe está sen fachada.

Os traballos comezaron coas correspondentes canalizacións e acometidas, así coma o picado das paredes interiores.

“Con esta actuación queremos mellorar as dependencias deste centro social, ofertando tamén novos servizos aos veciños e veciñas da localidade á hora de dispoñer deste local público”, apunta o alcalde Manuel Cuiña.

Trátase dunha actuación de mellora no citado local que se acomete con fondos propios do Concello, respondendo tamén a unha demanda veciñal.

“Estas obras corresponden á liña iniciada polo goberno para mellorar os centros parroquiais, dotándoos de novos servizos e equipamentos e acondicionando os edificios”, engade Cuiña.

O concelleiro de Medio Rural, Klaus Brey, achegouse ata as obras que se prolongarán durante varias semanas.

“Queremos seguir apostando por mellorar os centros sociais do rural que sirven para acoller reunións, actividades e xuntanzas do rural. Cremos que a mellora das instalacións é tamén clave para axudar aos colectivos e asociacións a continuar co seu papel dinamizador nas parroquias”, engade.