O Concello inicia as obras de mellora nos centros sociais de Lamela, Piñeiro, Curro e Moalde

  • A alcaldesa, Paula Fernández, visitou hoxe os traballos no local social de Curro, na parroquia de Cira, unha das catro actuacións incluídas neste proxecto

Silleda, 3 de xuño de 2026.O Concello de Silleda ten xa en marcha as obras de mellora en varios centros sociais do rural, unha actuación coa que se continuará avanzando na conservación e posta a punto destes espazos de encontro e actividade veciñal nas parroquias.

Os traballos foron adxudicados á empresa Taboada y Ramos e inclúen intervencións nos locais sociais de Lamela, Piñeiro, Curro —na parroquia de Cira— e Moalde. A actuación fora licitada por un importe de 54.149,64 euros, IVE incluído, con financiamento a través do Plan Máis Provincia da Deputación de Pontevedra.

A alcaldesa de Silleda, Paula Fernández, visitou hoxe os traballos que xa se están desenvolvendo no centro social de Curro,. Neste inmoble, as actuacións céntranse principalmente na mellora da cuberta así como na reparación da balaustrada da parcela.

O proxecto contempla intervencións adaptadas ás necesidades de cada local, recollendo tamén propostas trasladadas pola propia veciñanza. No caso de Piñeiro, realizarase unha revisión da cuberta, o pintado da cociña e a renovación das carpinterías exteriores. En Lamela, reorganizarase a zona de aseos para mellorar a accesibilidade e acometeranse tamén actuacións na cociña, como o pintado, a colocación de falso teito e outras adecuacións. En Moalde, os traballos centraranse na conservación de fachadas e na revisión da cuberta, con labores de mantemento e mellora de acabados.

Paula Fernández subliñou durante a visita que “os centros sociais son moito máis ca edificios: son espazos de convivencia, de actividade e de encontro para a veciñanza, especialmente nas parroquias, e por iso é fundamental seguir investindo no seu mantemento e mellora”.

A alcaldesa destacou que esta actuación “responde a unha liña de traballo clara do goberno municipal para reforzar os servizos e infraestruturas do rural, atendendo ás necesidades reais de cada localidade e actuando alí onde a veciñanza tamén nos traslada demandas concretas”.

Fernández puxo en valor, ademais, o financiamento a través do Plan Máis Provincia, “que permite acometer actuacións necesarias en equipamentos que teñen un uso social moi importante”. “Falamos de melloras que poden parecer pequenas, pero que repercuten directamente na comodidade, na seguridade e na funcionalidade destes espazos”, engadiu.

A rexedora lembrou que “Silleda conta cun amplo territorio e cunha rede de centros sociais moi importante, que cómpre seguir coidando”.

As obras nos catro centros sociais enmárcanse na aposta municipal por manter en boas condicións estes inmobles, considerados pezas clave na vida comunitaria das parroquias e na dinamización social e cultural do rural.