O Concello inicia o procedemento para a substitución de luminarias no primeiro tramo da rúa Trasdeza

Silleda, 24 de abril de 2015. O Concello de Silleda xa puso en marcha o proceso de adxudicación dun novo proxecto de mellora no alumeado público. Trátase da renovación das luminarias no primeiro tramo da Rúa Trasdeza, en plena N-525 (dende o restaurante A Culler ata a altura do consistorio).

As 17 farolas actuais serán substituídas por outras novas, de maior altura e con luminarias de tecnoloxía LED, con maior calidade lumínica e un considerable aforro no consumo enerxético. Ademais ampliarase o número de puntos de luz, pasando de 17 a 19 en total, con dúas novas instalacións.

“Trátase de unha das zonas urbanas peor iluminadas a día de hoxe. E tendo en conta ademais que é a principal entrada á localidade, cremos que é un proxecto prioritario que mellorará moitísimo este tramo”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

En total investiranse nesta actuación 49.502,49 euros. Financiarase a través da cantidade que lle correponde ao Concello de Silleda polo Fondo de Compensación Ambiental (contrapartida para os municipios pola instalación de parques eólicos), con 34.079,36 euros. A cantidade restante, outros 15.423,13 euros,  complétase con fondos exclusivamente municipais.

Dende o Concello xa se dispón das tres ofertas solicitadas a distintas empresas para proceder á adxudicación dos traballos.

Mellora da seguridade e aforro

Este proxecto vén sumarse á renovación de luminarias noutras catro céntricas rúas de Silleda (Progreso, Avenida do Parque, María Colmeiro e rúa Venezuela), onde tamén se instalarán luminarias LED. “Apostamos por esta tecnoloxía pola calidade lumínica e tamén polo aforro enerxético que supón”, explica Cuiña.

Así, advirte que no caso deste tramo da rúa Trasdeza “a zona ganará moitísimo, e tamén se reforzará a seguridade viaria, porque as condicións de visibilidade neste tramo en horario nocturno son ás veces moi deficientes”, engade.

Por outra banda, Cuiña avanza que o goberno municipal tamén ten proxectada a renovación das luminarias no outro tramo de Trasdeza, dende o cruce coa rúa Pintor Colmeiro ata a rotonda. “Con esto renovaríamos os antiguos báculos da principal vía de Silleda, mellorando a calidade do alumeado público”, engade Cuiña.