- A actuación contará cun investimento de 64.566,48 euros e cunha axuda de 50.000 euros ao abeiro do programa Leader PEPAC 2023-2027
- A instalación inclúe o equipo de recarga, obra civil, conexións, sinalización, accesibilidade e os elementos necesarios para a súa posta en funcionamento
Silleda, 8 de agosto de 2026. O Concello de Silleda instalará un punto de recarga rápida para vehículos eléctricos na avenida do Parque. O proxecto municipal, aprobado como actuación pública de natureza non produtiva, ten un investimento previsto de 64.566,48 euros e recibirá unha axuda de 50.000 euros ao abeiro das axudas Leader do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 (PEPAC).
A actuación permitirá incorporar ao centro da vila unha nova infraestrutura pública vinculada á mobilidade sostible e á transición enerxética. A memoria presentada polo Concello sinala como obxectivos mellorar os servizos públicos dispoñibles, atender unha demanda crecente da cidadanía e das persoas que se desprazan ao municipio e reforzar a dotación local de puntos de recarga.
O emprazamento escollido, na avenida do Parque, busca facilitar o acceso ao servizo nunha zona céntrica, visible e de fácil utilización.
Estará situado na transición entre as prazas públicas de aparcamento e o espazo reservado para os taxis, na zona que se está a renovar coas obras da Avenida. A instalación contará con dúas mangueiras, reservándose unha delas para os taxis, a fin de fomenter tamén a renovación da flota de vehículos de servizos públicos, facilitando a transición cara aos vehículos eléctricos.
Outra das mangueiras terá carácter público e aberto, polo que poderá ser empregada tanto pola veciñanza como por persoas que se despracen a Silleda por motivos laborais, administrativos, comerciais ou turísticos, así como por profesionais e pequenas empresas que empreguen vehículos eléctricos ou híbridos enchufables.
Servizo público con dispoñibilidade continuada
O punto de recarga prestarase, con carácter xeral, en réxime de dispoñibilidade continuada as 24 horas do día, agás incidencias técnicas, operacións de mantemento, reparacións ou outras causas de forza maior.
A previsión municipal é establecer unha tarifa pública vinculada á enerxía consumida, que deberá ser aprobada polo órgano municipal competente. Tamén se contempla a posibilidade de usos gratuítos en campañas ou accións puntuais de promoción e sensibilización sobre mobilidade sostible.
O proxecto inclúe a subministración e instalación do propio equipo de recarga, as obras civís e instalacións auxiliares, a conexión eléctrica e os sistemas de protección, así como a sinalización horizontal e vertical, os elementos informativos e os medios técnicos necesarios para a xestión e mantemento do servizo.
A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que “esta actuación permitirá incorporar un novo servizo público nun punto estratéxico da vila e avanzar na adaptación das nosas infraestruturas aos novos modelos de mobilidade”. “Cada vez hai máis persoas que utilizan vehículos eléctricos e é importante que Silleda conte con puntos de recarga accesibles, tanto para a veciñanza como para quen nos visita ou se despraza ata aquí”, engade.
