O Concello liquida a débeda histórica co BSCH

Silleda, 6 de xaneiro de 2015.  O goberno municipal formalizará nos vindeiros días o pago de 38.914,84 euros  para dar cumprimento ao acordo acadado en xaneiro de 2013 para zanxar a débeda co BSCH, entidade que iniciou un pleito hai xa varios anos para reclamar o pago dun crédito solicitado xa nos anos 90.

O alcalde, Manuel Cuiña, explica que “con este último pago por fin poderemos dar carpetazo a outras das débedas históricas que viñan supoñendo un lastre para este Concello, e que se logrou, como noutros casos,  gracias ás negociacións de convenios por parte deste goberno municipal”, engade.

O acordo supuxo rebaixar a débeda total de 360.239 euros (cantidade que inclúe tamén intereses de demora e costas procesais) ata os 178.000 euros, cun considerable aforro para as arcas municipais, renunciando a empresa ao cobro dos intereses. Así, en xaneiro de 2013 logrouse conveniar coa empresa Prime Credit (que mercou a débeda da citada entidade bancaria) o pago fraccionado deses 178.000 euros en tres prazos.

Xa no momento de asinarse o acordo fíxose un primeiro abono de 70.000 euros, e  en xaneiro de 2014 abonouse o segundo prazo, tamén por 70.000 euros, co que só quedaban os 38.000 euros que se pagarán este mes.  

“Co pago que formalizaremos nos vindeiros días este goberno está a cumplir cun acordo moi beneficioso para este Concello, pechando por fin outro dos frentes abertos que tristemente nos deixaron a todos os veciños e veciñas gobernantes anteriores”, sinala o alcalde e responsable de Facenda, Manuel Cuíña.

O rexedor advirte que a débeda co BSCH,  por un crédito solicitado no ano 1997 se enmarca “na vergoñenta costume que tiñan os gobernante do PP en Silleda de deixar correr os intereses ata superar a cantidade principal da débeda”. A débeda principal coa entidade ascendía a 178.914,84 euros (xa se pagaran no ano 2011, a cantidade de 12.000 euros), mentras que os intereses e as costas deste pleito se  situaban xa en 181.324,67 euros.

Antecedentes: Crédito refinanciado no ano 2000

No ano 2008, o BSCH presentou un contencioso contra o Concello de Silleda por impago dun préstamo. Este crédito fora solicitado no ano 1997 polo goberno municipal para financiar obras municipais. Tres anos despois, o executivo do PP acordou en solitario, no pleno do 27 de xullo de 2000, refinanciar ese préstamo, por importe de 35 millóns das antigas pesetas.

A demanda chegou durante o goberno de Paula Fernández, na lexislatura anterior, e xa daquela se iniciaran negociacións para saldar a débeda.  Así mesmo, tamén se presentaron alegacións ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), para que o proceso se pasara á vía civil, reclamación que foi atendida.  “Antes da moción de censura tiñamos incluso un preacordo para zanxar esta débeda co BSCH”, lembra Cuíña.

O 17 de decembro de 2012 o Xulgado de Primeira Instancia de Lalín emitiu sentenza estimando a demanda de Prime Credit e condeando ao Concello de Silleda ao pago da débeda.

Outros acordos nesta lexislatura

Na actual lexislatura o executivo socialista de Silleda acadou varios acordos con firmas e entidades acreedoras para cancelar importantes débedas herdadas. O de Prime Credit súmase aos acordos con Urbaser ou con Sogama. “Este acordo vén a sumarse a outros convenios negociados por este goberno, coma o de Sogama, para meterlle man dunha vez por todas ao lastre da débeda neste Concello”, sinala o alcalde, Manuel Cuíña. O rexedor lembra que “froito deste traballo son os bos resultados económicos que se están a reflexar nas contas municipais, con unha xestión que ademais de aforro trata de liquidar  as contas pendentes que nos toca asumir, en moitos casos por vía xudicial, con contundentes demandas por impago”, engade.

A prioridade no pago aos acreedores que realicen quitas foi unha das liñas iniciadas xa na anterior lexislatura polo executivo socialista.