O Concello realiza obras de limpeza de cunetas e mellora de vías en varias zonas do rural

Silleda, 30 de xaneiro de 2014. O Concello de Silleda, a través do departamento de Servizos e Medio Rural, que dirixe Klaus Brey, está a traballar nos últimos días en distintos puntos do municipio para reparar desperfectos na rede viaria causadas, en gran medida, polas fortes enchentas que se veñen producindo nas últimas semanas.

Así, a pala excavadora do equipo municipal de obras estivo realizando traballando na parroquia de Oleiros, onde en colaboración cos veciños se procedeu á limpeza e adecentamento das cunetas da pista de A Laxe. O atasco das cunetas estaba a causar graves perxuizos para a circulación neste viario, co consecuente perigo.

Tamén na parroquia de Negreiros estivo a actuar a pala municipal, limpando tuberías e realizando tarefas varias de adecentamento nos viais. Na parroquia de Piñeiro, tamén en colaboración cos veciños, se realizaron estes traballos, noutra vía tamén moi deteriorada por causa dos últimos temporais.

Hoxe mesmo a pala estivo tamén na parroquia de Chapa, onde a auga anegou as cunetas doutro acceso a vivendas.  Tamén na xornada de hoxe xoves iniciáronse os traballos para adecentar e limpar coa pala o viario que da acceso ao lugar da Chousana, no casco urbano de Silleda, ao que se accede dende a praza Mestre Mateo. Ao igual que nos casos anteriormente citados estas actuacións responden a peticións de veciños e veciñas que solicitan no departamento de Servizos a realización destes traballos.

A colocación e limpeza de tubaxes para desaloxar a auga acumulada foi outa das tarefas realizadas nos últimos días.

Próximas actuacións

Nos vindeiros días dende o departamento de Servizos procederase a continuar ca limpeza de cunetas en puntos como Penadauga, na parroquia de Escuadro, ou noutro acceso próximo á rúa Outeiro.

Así mesmo, tamén se procederá á reparación dos socavóns no parquin municipal sito na rúa Cartaxena, onde a choiva deteriorou o terreo causando estes baches en varios puntos da parcela, cedida ao Concello por un veciño. O equipo municipal de Obras xa trasladou ata o lugar o material para iniciar as obras o antes posible.

“Quero agradecer a todos os veciños e veciñas a súa colaboración, xa que en moitas parroquias o seu apoio é fundamental para sacar adiante as obras”, reitera o concelleiro Klaus Brey, calificando a actuación veciñal de “exemplar”.