O Concello renovará a sinalización horizontal de máis de 5,5 quilómetros de rúas en Silleda e na Bandeira

 

  • A actuación, financiada con fondos da Deputación de Pontevedra, conta cun orzamento de 48.282,99 euros
  • Os traballos inclúen o repintado de pasos de peóns, liñas, zonas de estacionamento, sinais de STOP, ceda o paso, frechas e outros elementos
  • A actuación inclúe tamén unha nova zona azul na avenida do Parque e os cambios de sentido previstos en Silleda e na Bandeira nas rúas Cartaxena, Alonso Ríos e rúa da Empanada

Silleda, 10 de agosto de 2026. O Concello de Silleda acometerá a renovación da sinalización viaria horizontal en distintas rúas dos núcleos urbanos de Silleda e da Bandeira, unha actuación financiada con fondos da Deputación de Pontevedra que permitirá mellorar a visibilidade das marcas viarias e reforzar a seguridade tanto para vehículos como para peóns.

O proxecto conta cun orzamento de execución de 48.282,99 euros, IVE incluído, e abrangue aproximadamente 5,6 quilómetros de rúas, dos que 4.261 metros corresponden ao núcleo de Silleda e 1.320 metros á Bandeira.

Os traballos contemplan a renovación e mellora integral das marcas viarias existentes, incluíndo liñas continuas e descontinuas, pasos de peóns, liñas de detención, cebreados, zonas de carga e descarga, prazas de estacionamento, reservas para persoas con mobilidade reducida, sinais horizontais de STOP e ceda o paso, frechas de dirección, indicacións de velocidade e zonas reservadas para autobuses, entre outros elementos. As marcas executaranse con pintura acrílica e microesferas de vidro para favorecer a súa visibilidade.

No núcleo de Silleda, o proxecto contempla actuacións en vías como República Arxentina, Sociedade Fillos de Silleda, Castrelo, Cartaxena, Pontevedra, Alfonso Trabazo, Estación, Emilio Alonso Paz, Antón Alonso Ríos, Carballeira do Chousiño, avenida do Parque, Pintor Colmeiro, María Colmeiro, Progreso, Venezuela e Ronda de Outeiro.

Na Bandeira, os traballos abranguen a rúa da Empanada e as rúas Agro do Valo,  Deporte, rúa do Parque e Fernando Penoucos Pájaro.

Os traballos iniciaránse precisamente nesta vila da Bandeira a vindeira semana, para o que se colocarán avisos nas zonas afectadas, ao precisarse restrinxir o estacionamento.

Nova zona azul

Entre as novidades previstas inclúese tamén a implantación dunha nova zona azul na avenida do Parque, aproveitando tamén as obras que se están a rematar neste tramo. O Concello extenderá así a este ámbito o sistema de estacionamento regulado mediante sinalización azul que xa se implantou no seu día na rúa do Progreso, co obxectivo de favorecer unha maior rotación das prazas de estacionamento nunha das zonas máis céntricas da vila

Reordenación do tráfico

O Concello aproveitará estes traballos de sinalización para facer efectivos tamén varios cambios na ordenación do tráfico, coordinados e supervisados pola Policía Local, cos que se busca mellorar a seguridade en determinados cruzamentos e puntos nos que existen problemas de visibilidade.

En Silleda, a nova ordenación afectará principalmente á rúa Cartaxena, Antón Alonso Ríos e a súa contorna. A rúa Cartaxena mudará o seu sentido de circulación, de xeito que se accederá a ela dende a rúa Venezuela. Tamén cambiará a dirección do tráfico na rúa Antón Alonso Ríos, pola que se canalizarán os vehículos procedentes tanto da Cartaxena como da rúa Castrelo. Con esta modificación preténdese mellorar especialmente a seguridade nos entronques destas vías coa rúa Venezuela, facilitando a visibilidade e os xiros.

Na Bandeira, a modificación afectará á rúa da Empanada. O último tramo desta vía, entre a rúa Lavadoiro e a rúa Xeral —N-525—, quedará sinalizado como dirección prohibida cara á estrada nacional, mantendo o acceso aos garaxes das persoas residentes. Deste xeito, os vehículos poderán acceder á rúa da Empanada dende a rúa Xeral, pero non incorporarse á N-525 dende este punto, un cruce condicionado pola escasa visibilidade e no que xa se produciron situacións de risco.

A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que a actuación “permitirá renovar dunha maneira ampla unha sinalización horizontal que co paso do tempo vai perdendo visibilidade e, ao mesmo tempo, aproveitar os traballos para introducir melloras na circulación en puntos nos que a Policía Local detectou a necesidade de reorganizar o tráfico”.

“Trátase dunha actuación centrada fundamentalmente na seguridade viaria, tanto das persoas que conducen como das que se desprazan a pé, e que chegará a un número moi importante de rúas dos dous principais núcleos urbanos do municipio”, engade.

Durante a execución dos traballos será preciso realizar restricións puntuais de estacionamento e circulación nas zonas nas que se estea efectuando o pintado, que serán debidamente sinalizadas para reducir na medida do posible as molestias á veciñanza e facilitar o desenvolvemento da actuación.