O CONCELLO SACA A LICITACIÓN POR 228.717 EUROS A MELLORA DE VIARIOS EN BREIXA E PARADA

 

A actuación permitirá renovar o firme e mellorar a drenaxe dos accesos a O Outeiro de Breixa e  Portodabalde, Redemuíños e Souto Nogueira

Silleda, 3 de agosto de 2026. O Concello de Silleda vén de sacar a licitación as obras de mellora de viarios municipais nas parroquias de Breixa e Parada, cun orzamento base de 228.717,52 euros, IVE incluído. A actuación tramítase mediante procedemento aberto simplificado e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o próximo 17 de agosto. O prazo previsto para a execución dos traballos é de dous meses.

O proxecto abrangue varios camiños municipais que discorren polos núcleos de Portodabalde, Redemuíños e Souto Nogueira, na parroquia de Parada, e O Outeiro, en Breixa. Estes viarios comunican os núcleos coa estrada autonómica PO-534 e coa estrada provincial EP-6506 e dan tamén servizo a explotacións gandeiras e a numerosas parcelas agrícolas e forestais.

As vías presentan actualmente un importante deterioro da capa de rodaxe, provocado polo uso continuado, polo incremento do tráfico de vehículos pesados vinculados á actividade agrogandeira e polos episodios de chuvia, xeadas e vento rexistrados durante o pasado inverno. Esta situación agravou especialmente os puntos nos que existen dificultades para a correcta evacuación da auga.

Os traballos incluirán a limpeza e preparación dos pavimentos actuais, o fresado dos encontros con outras estradas e a aplicación dunha nova capa de aglomerado asfáltico en quente de cinco centímetros de espesor. Tamén se procederá á limpeza das cunetas existentes nos dous lados dos camiños e ao perfilado dos seus noiros para mellorar a drenaxe e a evacuación das augas pluviais.

A contratación contempla ademais como posibles melloras a instalación de nova sinalización horizontal e vertical e de elementos dobres para a suxeición dos contedores, cunha valoración conxunta de ata 14.010,23 euros.

A alcaldesa, Paula Fernández, destaca que esta intervención «permitirá actuar en camiños fundamentais para a vida diaria da veciñanza e para o funcionamento das explotacións e da actividade agraria». «Falamos de vías que soportan tráfico de maquinaria, transporte de animais e subministracións, polo que renovar o firme e mellorar a drenaxe suporá un avance importante en seguridade e comodidade», sinala.

Fernández lembra que o proxecto se impulsa ao abeiro do Plan Extraordinario Vía Depo da Deputación de Pontevedra, destinado á conservación, rehabilitación e mellora da rede viaria municipal.

«Seguimos avanzando na mellora das comunicacións no rural, atendendo actuacións necesarias e aproveitando os recursos doutras administracións para continuar renovando a extensa rede municipal de estradas de Silleda», conclúe a alcaldesa.