O Concello solicita aos propietarios de parcelas por onde pasa o transporte escolar a retirada de pólas e maleza

Silleda, 28 de outubro de 2013. O Concello de Silleda remitiu nos últimos días cartas aos propietarios/as de parcelas, situadas en distintos puntos do rural, que están sen limpar e se ubican xunto a vías polas que discorren distintas liñas de transporte escolar.

Xa antes do inicio do curso escolar, o concelleiro de Medio Ambiente, Luis Rodríguez, iniciou os traballos a instancias de tres empresas de autocares que realizan estas rutas, facendo primeiro os recorridos e despois a relación de parcelas con maleza, e sobre todo pólas, que invaden a vías.

“Logo de varias semanas, traballando para identificar aos donos das fincas, fíxose unha relación, identificando as parcelas e a súa ubicación para facer as oportunas comunicación”, sinala. Así mesmo, apunta que foi un traballo difícil, “ e de feito aínda hai parcelas das que aínda estamos intentando averiguar a súa titularidade”, As rutas afectadas por esta situación están ubicadas nas parroquias de Abades, Saídres, Oleiros, Laro, Parada, Chapa e Refoxos. En total nos últimos días remitironse notificacións a 60 veciños e veciñas que figuran como propietarios dos terreos.

Preocupa sobre todo a presencia de pólas, máis que evidente nalgúns puntos, que dificulta a visibilidade dos vehículos. “É unha cuestión que afecta á seguridade viaria, e que mesmo nalgún caso está a provocar retrasos na chegada dos autocares aos centros de ensino”, remarca.

Nas cartas identifícase a parcela, e lémbraselles aos propietarios que a normativa prohíbe que as pólas invadan propiedades colindantes, neste caso viais municipais,  e que o incrumprimento pode acarrear sancións económicas.

“Agardamos que os veciños e veciñas advertidos colaboren, polo ben xeral, e accedan a podar e retirar a maleza no menor tempo posible, e sobre todo as pólas que están a supoñer, nalgúns casos un perigo evidente para a seguridade viaria en xeral, e para as dos escolares en particular”, engade Luis Rodríguez.

Arredores do CEIP Bandeira

Por outra banda, nos últimos días dende o departamento de Medio Ambiente xa se iniciaron os traballos para localizar aos propietarios dos terreos que bordean as instalacións do CEIP de Bandeira, que tamén é necesario limpar ao estar cheos de maleza.