- A alcaldesa, Paula Fernández Pena, e as concelleiras Mónica González e Ángela Troitiño participaron esta tarde no encontro informativo celebrado no Centro Social de Cira
- O Concello explicou o trazado previsto no municipio, as afeccións detectadas na primeira análise do expediente e o momento no que se atopa a tramitación
- As cuestións formuladas pola veciñanza serán tidas en conta no traballo que realizan os servizos municipais para completar o informe solicitado pola Xunta
Silleda, 18 de setembro de 2026. O Concello de Silleda celebrou esta tarde no Centro Social de Cira unha reunión informativa coa veciñanza para abordar o proxecto da Liña de Alta Tensión (LAT) de 66 kV A Estrada–Paizás e explicar con detalle as afeccións previstas no termo municipal.
No encontro participaron a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, e as concelleiras Mónica González Conde e Ángela Troitiño Gil, xunto con veciños e veciñas das zonas afectadas polo trazado.
A reunión serviu para trasladar de maneira directa e comprensible a información obtida tras a primeira análise da extensa documentación do expediente realizada polos servizos municipais, así como para resolver dúbidas e recoller as cuestións e preocupacións formuladas pola veciñanza.
O Concello incidiu en que se trata dun proxecto que aínda se atopa en tramitación, actualmente sometido ao procedemento de información pública e avaliación ambiental, e que polo tanto non conta neste momento coa autorización definitiva para a súa execución.
Sete apoios no termo municipal
Segundo a documentación do proxecto, promovido por UFD Distribución Electricidad, a nova infraestrutura conectaría as subestacións da Estrada e Paizás mediante unha liña de aproximadamente 21,7 quilómetros.
No municipio de Silleda, a afección concéntrase fundamentalmente nas parroquias de Dornelas e Cira, cun tramo aéreo duns 1,38 quilómetros e sete apoios, numerados do 81 ao 87.
O proxecto inclúe tamén tramos soterrados, entre eles o previsto para o cruzamento da N-525 e da Vía da Prata, así como na chegada á subestación de Paizás.
Durante a reunión abordáronse non só a localización dos apoios e o paso da liña, senón tamén outras cuestións que están sendo revisadas polo Concello, como as servidumes previstas, os accesos para a maquinaria, os camiños públicos que poderían verse afectados, a ocupación temporal de parcelas, as afeccións sobre terreos agropecuarios e forestais, os cursos de auga, o patrimonio cultural, a Vía da Prata e o impacto paisaxístico.
O informe municipal incorporará as cuestións detectadas
Os servizos municipais continúan agora coa análise pormenorizada do expediente para completar o informe solicitado pola Xunta de Galicia ao Concello dentro da tramitación ambiental.
Entre as cuestións que se están estudando figuran a protección e restitución dos camiños públicos no caso de posibles danos, a redución ao mínimo imprescindible da apertura de novos accesos, as condicións para a circulación da maquinaria, a protección dos elementos patrimoniais e dos cursos de auga ou a recuperación dos terreos unha vez rematadas as actuacións.
A alcaldesa, Paula Fernández, destacou que “o obxectivo desta reunión era que as persoas afectadas puidesen coñecer de primeira man e dunha maneira clara que é o que se proxecta no noso territorio, pero tamén escoitalas e recoller todas aquelas cuestións que poidan axudarnos a completar o traballo que estamos realizando desde o Concello”.
Fernández sinalou ademais que “estamos ante un expediente moi amplo e técnico, polo que consideramos fundamental analizalo con rigor e facilitar á veciñanza toda a información posible nun momento no que o proxecto aínda está en tramitación e no que se poden formular observacións e alegacións”.
Desde o Concello lembraron tamén ás persoas afectadas que, ademais do informe institucional que emitirá a administración municipal, os particulares poden presentar as súas propias alegacións dentro do período de información pública.
O goberno municipal continuará nas próximas semanas co seguimento da tramitación e coa análise da documentación para defender, dentro das competencias municipais, a adecuada protección dos intereses da veciñanza e do territorio.
