O Concello tratará de subsanar a ordenanza para o cobro da taxa por ocupación ás operadoras de telefonía móbil

Silleda, 22 de outubro de 2013. O alcalde de Silleda, Manuel Cuíña, advirte que o goberno municipal, á vista da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que estima parcialmente o recurso de France Telecom contra a taxa das operadoras de telefonía móbil, encargará aos técnicos municipais o estudo de fórmulas para subsanar a ordenanza.

O fallo xudicial, que se vén producindo en outros moitos concellos de toda a xeografía española, supón a perda duns 36.000 euros ao ano para as arcas municipais de Silleda, “unha cantidade significativa para o noso Concello”, engade o rexedor.

Por iso, Cuíña apunta que se estudarán fórmulas para poder facer efectiva a recadación. “Dende o principio da lexislatura, e ao igual que na anterior, un dos obxectivos deste goberno municipal foi a mellora na xestión e recadación de impostos, precisamente con este tipo de taxas a empresas e operadoras pola ocupación de terreos públicos”, lembra. “Seguindo con esa premisa é o noso deber subsanar os erros da ordenanza para facer efectivo o cobro e poder comezar a aplicala”, engade.

O Concello de Silleda, ao igual que na maioría dos casos, xa non viña contemplando nos últimos anos no orzamento os ingresos por esta taxa, ao estar a ordenanza recurrida polas compañías do sector.

Cuíña recorda que no caso de Silleda tamén se utilizara o modelo facilitado pola Femp para elaborar a ordenanza, publicada no BOP de Pontevedra o 25 de febreiro de 2010. “Foi unha mágoa que a sentenza do Supremo que lle deu a razón ás operadoras saíse xusto despois de que a ordenanza entrara en vigor, porque se puido ter comezado antes a traballar na corrección de erros”. Tamén sinala que dende a Femp e o goberno central  se debería de tomar cartas no asunto, “para que os Concellos poidamos mellorar, con casos coma este, a xestión de recursos económicos”, apunta o alcalde.

A sentenza anula algúns dos puntos contidos na ordenanza, como a fórmula de cobro, baseada na facturación das empresas, e estima a demanda polas formas nas que se lle deu publicidade, considerando por exemplo que non se cumpriron cuestións incluídas na Ley General de Telecomunicaciones , que esixe dar traslado do texto á Comisión do Mercado de Telecomunicacións. 

Outra das claves do fallo xudicial radica na titularidade da liña. Así, o TSXG vén a advertir que non se lle pode cobrar o mesmo a unha compañía que é titular dunha liña de telefonía móbil, que a outra que é usuaria, e utiliza esa mesma liña.