O Concello ultima a urbanización do entorno do albergue da Bandeira

Silleda, 6 de xuño de 2013. O Concello de Silleda está a ultimar os traballos que lle corresponden para a agardada apertura ao público do albergue de peregrinos da Bandeira. Así, operarios municipais rematarán na vindeira semana os traballos de urbanización na rúa Lourás, onde se situará a entrada ao edificio.

A dotación de beirarrúas ata a entrada do albergue (nun tramo duns 40 metros) era unha das actuacións de competencia municipal da obra, xunto cos traballos de saneamento previos ou a acometida de auga e electricidade, que xa quedou lista nas últimas semanas.

“Na vindeira semana xa quedarán listas as beirarrúas”, sinala o concelleiro de Obras e Servizos, Manuel Cuíña, que xa informou ao Xacobeo da realización dos traballos por parte do Concello e que hoxe visitou o lugar das obras.

Os operarios municipais seguen a traballar estes días ultimando as melloras no entorno do edificio, que está xa case rematado.

Dende o goberno local agárdase que o albergue da Bandeira se poida abrir ao público canto antes, xa que ás portas do verán o número de peregrinos que transitan pola localidade, en plena Vía da Prata, aumenta nestas datas. “Esperamos que o servizo poida estar operativo no menor tempo posible, tal e como nos informaron dende o Xacobeo”, engade Cuíña, lembrando que se o albergue é unha das dotacións máis agardadas na zona, e que a súa apertura repercutirá tamén no comercio local.

O albergue, unha construcción modular con 36 prazas, foi adxudicado pola Secretaría Xeral de Turismo á empresa Aopil, por importe de 216.016 euros. A parcela é propiedade dunha  familia da Bandeira, á que dende o Concello se lle agradece a cesión realizada mediante convenio.

Está feito con prefabricados de alta calidade, con climatización, un patio interior cuberto, e instalacións de enerxías renovables, en pranta baixa. O espazo distribuese en dormitorios, dormitorios para persoas con discapacidade, aseos, duchas e cociña-comedor. Así mesmo, as zonas disponibles entre os módulos servirán como áreas de descanso e zona de lavado e secado.

O exterior do edificio xa está revestido con paneis de resinas termoendurecibles  mentras que os espazos xenerados entre os módulos realizaranse a base de pranchas de polietileno reticulado.