O Concello ultima unha campaña de promoción do comercio e a hostalería enmarcada no programa Silleda Reactiva

-Arrancará ca reapertura dos establecementos e contará con diversas accións dinamizadoras

Silleda, 29 de abril de 2020.  O Concello de Silleda está a deseñar unha campaña de promoción e dinamización tanto do comercio coma da hostalería do municipio. Esta campaña enmarcarase no programa Silleda Reactiva, para impulsar a economía local con distintas medidas encamiñadas a paliar a crise do COVID-19.

O programa botou a andar con axudas directas para establecementos comerciais, hostalería e autonómos, cun orzamento de 502.000 euros e irase implementando con actuacións como esta campaña.

“Temos claro que o noso sector comercial é un dos motores económicos. Por iso queremos lanzar esta campaña coa reapertura de desestablecementos para fomentar as compras, o consumo no comercio de proximidade e tamén na hostalería”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

Ao mesmo tempo tamén se están a estudar fórmulas de dinamización con propostas de carácter cultural e de animación nas rúas, cas que se axudaría tamén aos artistas e grupos locais.

“Levamos xa varias semanas traballando nesta campaña que presentaremos nos vindeiros días e que se enmarcará no programa Silleda Reactiva, cun carácter transversal no que se concentrarán, xunto coa atención no plano social, todos os esforzos do Concello de Silleda”, engade Cuiña.

Por outra banda, a comisión de valoración das axudas directas do programa municipal (con aportacións de 800 e de 300 euros), está xa a traballar para informar as solicitudes no menor prazo posible. A día de hoxe hai 396 peticións rexistradas en total, que se están xa revisando por parte da citada comisión, formada por 4 técnicos municipais.

As axudas poden comezar a pagarse unha vez rematado o prazo de exposición pública da modificación orzamentaria aprobada polo pleno. Dito prazo, tendo en conta a publicación da mesma no BOP de Pontevedra, remata o 15 de maio, polo que o seguinte día hábil, o luns 18 de maio, comezarán a ingresarse as primeiras axudas.

“Tratarase de ter todo listo para empezar xa ese luns a facer os ingresos”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Grupo de traballo

As accións desta campaña estánse a coordinar dende un grupo de traballo presidido pola tenente de Alcalde, Mónica González, e integrado pola  concelleira de Comercio, Pili Peón, e o concelleiro de Industria, Klaus Brey. Xa se está a traballar  con propostas tanto para a difusión e concienciación sobre a importancia de mercar en consumir no municipio, e  con accións directas que xa se comentaron co sector comercial, con algúns hostaleiros  e co colectivo empresarial para incentivar o consumo nos establecementos locais.