O Concello xa dispón do proxecto coas dúas alternativas para a mellora do trazado do vial Piñeiro-Cira

Silleda, 3 de febreiro de 2015. O Concello de Silleda xa dispón do traballo realizado polos técnicos da Deputación de Pontevedra para acometer a agardada obra de mellora do vial que une as localidades de Piñeiro e Cira.

O director de Infraestruturas do organismo provincial, Manuel González Juanatey, entregou os planos cos dous trazados alternativos para realizar a obra así como cos orzamentos para cada unha das propostas, tal e como se acordar no encontro entre o alcalde, Manuel Cuiña, e o presidente da Deputación, Rafael Louzán, hai uns días. O proxecto foi denominado polo ente provincial como “Novo Trazado da estrada Capela do Couto”.

O tramo que se mellorará conta con aproximadamente dous kilómetros de lonxitude, entre a pista de Augacae (á altura da parroquia de Dornelas) e o cruce de Cira. Tratase dun tramo moi sinuoso e con grandes desniveis que acentúan o perigo desta estrada, que une ademais o municipio silledense co veciño de Vila de Cruces.

Dende o Concello de Silleda, que debe poñer os terreos a disposición da Deputación para a execución dos traballos, convocaráse aos propietarios dos terreos afectados a un encontro nos vindeiros días, a fin de explicar as obras que se realizarán e de buscar fórmulas para a disposición dos predios.

“As dúas alternativas para o novo trazado son moi similares, diferenciándose só no radio de amplitude das curvas”, explica o alcalde, Manuel Cuiña.

En canto aos orzamentos, a chamada Alternativa 1 suporía unha inversión de 752.552,92 euros e a da Alternativa 2, está fixada polos técnicos provinciais en 695.498,05  euros.

“Os orzamentos rondan tamén os 750.000 euros, unha inversión comprometida pola Deputación, que se sumará a que terá que realizar o Concello para conseguir os terreos afectados”, explica Cuiña.

Os traballos suporán un importante movemento de terras. Todo o pavimento irá en aglomerado en quente e colocaránse cunetas triangulares formigonadas.

O proxecto inclúe ademais toda a sinalización e pintado do vial, así como a dotación de vallas de protección para os desniveis, “unha medida moi importante para garantir a seguridade nesta estrada, que rexistra un destacado volumen de tráfico”, engade o rexedor. Tamén está previsto proceder á canalización dos regatos da zona.

Máis amplitude e posible senda

Coa mellora que se acometerá a calzada quedará máis ampla, con posibilidade incluso de crear unha senda peonil nunha das marxes do vial. “É unha actuación ambiciosa que agardamos poida comezar a materializarse canto antes”, engade o alcalde, agradecendo á Deputación o traballo realizado.

Cuiña explica que a reunión cos veciños se convocará probablemente a vindeira semana.