O edificio da Residencia e Centro de Día de Maiores xa ten prácticamente rematada a súa estrutura

Silleda, 15 de marzo de 2018.  As obras de construcción da Residencia e Centro de Día de Maiores de Silleda continúan avanzando a bo ritmo. A estrutura e o tabicado interior están prácticamente rematados e previsiblemente estarán listos a finais deste mes.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, percorreu hoxe as futuras instalacións xunto con Camilo Álvarez,  responsable de Coviastec Silleda, -a empresa que construe e xestionará a residencia- , o concelleiro de Obras e Servizos, Klaus Brey, e o arquitecto autor do proxecto, Martín Pereiras, entre outros. Xa se aprecia a magnitude das habitacións, comedor, sala de rehabilitación, consultorio médico… e só queda por levantar a cuberta na parte central superior, onde se ubicará o Centro de Día.

“Os traballos avanzan a moi bo ritmo e estanse mesmo acortando os prazos previstos”, indica o responsable de Coviastec.

As previsións pasan por ter rematada toda a obra entre setembro e outubro para iniciar despois os trámites correspondentes a licenzas de apertura e outros permisos. O servizo comezaría a prestarse a principios do vindeiro ano 2019.

O edificio, con máis de 2.400 metros cadrados de superficie útil, ubícase na parcela municipal situada xunto ao recinto feiral de Silleda.  Conta cunha estrutura áxil, moi luminosa e dinámica e un deseño adaptado e integrado no entorno no que se atopa.

Baixo o lema “Volta a orixe”, o proxecto de Pereiras presentouse no seu día como unha “reinterpretación dos espazos e da arquitectura tradicional do país”, unha concepción que se enmarca na idea do retorno á infancia e as súas lembranzas co avance da idade das persoas maiores.

As obras comenzaron o pasado verán cunha inversión total de 3,8 millóns de euros. A residencia contará con 59 prazas e outras 20 de Centro de Día.

O alcalde, Manuel Cuiña, sinalou que “os veciños e veciñas de Silleda contarán con este servizo tan agardado e necesario na presente lexislatura” e destacou tamén a beleza e singularidade do edificio.

Este complexo será ademais un dos que se conecten á rede de calor don biomasa impulsada polo Concello de Silleda, xunto con outras dependencias públicas desta zona onde se ubican infraestruturas educativas e deportivas e tamén o Hotel Vía Argentum