O equipo que redactará o proxecto do Centro de Día Residencial visita o centro de Afapo Pontevedra

Silleda, 5 de xaneiro de 2016. O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, e a concelleira de Benestar Social, Pili Peón, visitaron en días pasados o Centro de Día para persoas con Alzheimer e outras demencias de Afapo Pontevedra, xunto co arquitecto que se encargará da redacción do proxecto do Centro de Día Residencial de Silleda, Martín Pereiras, e os seus compañeiros de equipo.

“Cremos interesante que o equipo que se encargará de redactar o proxecto construtivo da residencia de Silleda coñeza de primeira man algunhas das características e necesidades deste tipo de instalacións”, explica o alcalde.

As previsións do equipo que redactará o proxecto, pasan por entregar o proxecto básico do edificio a principios do vindeiro mes de febrero, e un mes despois, aproximadamente a mediados de marzo, xa  o proxecto de execución.

O pasado mes de decembro  o goberno municipal de Silleda elixía a proposta presentada por Martín Pereiras, baixo o lema “Volta a orixe”, entre as 7 propostas que optaban o certame convocado dende o Concello de Silleda, para elaborar o proxecto construtivo do Centro de Día Residencial que se ubicará na parcela municipal xunto ao recinto feiral.

As obras iniciaranse este ano, con unha inversión de 700.000 euros que se seguirán incrementando no vindeiro ano a través do orzamento municipal. Así, aos 250.000 euros consignados para este ano 2015, e que non se executaron, sumaranse en 2016 outros 450.000 euros (dos que 200.000 euros proceden da doazón feita no seu día polo empresario Avelino Ramos).”A residencia arrancará o vindeiro ano 2016 con estes 700.000 euros e xa para a anualidade seguinte a nosa previsión e destinar outros 300.000 euros”, engade o alcalde.

O proxecto de Pereiras Corzón é, en palabras dos autores, unha “reinterpretación dos espazos e da arquitectura tradicional do país”, unha concepción que se enmarca na idea do retorno á infancia e as súas lembranzas co avance da idade das persoas maiores.

Unha vez que esté listo o proxecto de execución procederase á licitación das obras de edificio, ao que o Concello de Silleda destinará 1 millón de euros de fondos propios.