O Espectáculo Menú do Día centra a programación do Día das Letras en Silleda

Silleda, 4 de maio de 2015. O vindeiro sábado día 16 de maio chega a Silleda o espectáculo “Menú do Día”, unha aposta escénica diferente da man de dous consagrados humoristas, Carlos Blanco e Luis Davila, que poderá verse no auditorio da Semana Verde ás 21.00 horas.

A sesión será a gran aposta da Concellería de Cultura dentro das actividades do Día das Letras, con diferentes propostas ao longo deste mes.

As entradas para ver Menú do Día teñen un prezo de 5 euros, e poderán adquirirse xa dende o vindeiro luns día 11 nas dependencias da Casa da Cultura. Tamén se poderán mercar en taquilla unha hora antes do espectáculo.

O coñecido actor e monologuista Carlos Blanco e o debuxante Luis Davila, unen o seu inxenio para analizar a actualidade con retranca, tanto mediante a palabra como da imaxe.

Este espectáculo, que chega da man do programa Cultura no Camiño, está a ter unha grande resposta por parte do público das grandes cidades e vilas polas que xa pasou.

“Quixemos incorporar ao programa das Letras un espectáculo de primeiro orde onde o humor é o nexo desta exitosa proposta”, explica  o alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Cuiña.

Davila e Blanco traballan xuntos, á par, elaboran cousas novas cada noite e disfrutan e fan disfrutar ao público con diferentes  historias sobre a Garda Civil, as bravas do país, ou o fútbol e ata contan coa axuda da animación para completar un espectáculo que segue percorrendo a xeografía galega e prepara xa o seu salto a outras cidades como Madrid.