O evento “Eu emprendo, ti emprendes” tivo éxito e acollida entre o empresariado silledense

Silleda, 12 de decembro de 2023. Hoxe tivo lugar o evento “Eu emprendo, ti emprendes” no salón de actos do Viveiro de Empresas, organizado polo Concello de Silleda. Plantexado coma unha xornada de networking, serviu para poñer en valor as boas prácticas desenvoltas por emprendedoras silledenses e para coñecer de primeira man os servizos sobre TICS, innovación e emprendemento social e sostible que ofrecen as administracións públicas tanto local como provincial e autonómica.

O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, foi o encargado de abrir este primeiro encontro sobre emprendemento, destacando iniciativas como o Plan de Apoio á Creación de Emprego, posto en marcha polo Concello de Silleda xa no ano 2015 e que dende entón permitiu a creación de 66 entidades empresarias.

“Dende o Concello destináronse a estre programa preto de 100.000 euros, tendo ademais un cariz de xénero, ao ser o 60% destas entidades creadas co plan municipal emprendidas por mulleres”, sinalou.

Cuiña, que avanzou que dende o goberno municipal se apostará por seguir implementando este programa con axudas a fondo perdido, tamén lembrou programas como o Silleda Reactiva, que convertiu a Silleda no primeiro municipio de Galicia en habilitar axudas a empresas e comercios durante a pandemia.

O alcalde reseñou tamén a baixa taxa de desemprego en Silleda, con 3 puntos por debaixo da media galega, “así como a tendencia demográfica de crecemento nos últimos anos, a diferencia do que pasa noutros municipios do interior”.

Neste encontro networking participaron dúas empresarias que arrincaron o seu negocio grazas á colaboración do concello ao abeiro das Axudas Municipais á Creación de Emprego. Ambas falaron da súa experiencia, explicando o éxito da súa idea.

Así pois, Isabel Núñez Fernández, especialista no mundo do interiorismo e a decoración, expuxo o seu proxecto personal no espazo “De-Cores”, destinado a vivendas, locais comerciais e oficinas. O seu negocio ofrece un  servizo integral e adaptado ás necesidades do cliente. Ela organiza todo o traballo que se vai realizar e contacta cos autónomos que se precisan (electricista, fontaneiro, albañil…). Tamén recalcou a importancia que ten a unión do empresariado silledense para seguir crecendo todos xuntos, posto que ela forma parte da directiva de ECOS.

Por outra banda, Beatriz Rey Gómez que dirixe “Retos”, un centro pedagóxico e multidisciplinar que abarca todas as etapas da vida (especialmente a infancia e a adolescencia) tamén colabora coa asociación Aupa Deza. Ela destacou a importancia de ensinarlles aos nenos e nenas o significado do esforzo. Ademais, lembrou ao público asistente que existen moitos rapaces e rapazas e moita mocidade con necesidades e que requiren unha atención especial.

Durante o evento entregáronse os distintivos de persoas beneficiarias das Axudas Municipais á Creación de Emprego do ano 2023, coas que se crearon 9 empresas neste ano. Destes novos negocios, catro son de hostalaría: LA COCINA DE TINA, BAR PARQUE, BAR O CAMIÑO e o RESTAURANTE TERRA MOLLADA.

Tamén recibiron estas axudas a PELUQUERIA NOELIA ALVAREZ, dúas empresas de Servicios Agrícolas e Gandeiros a nome de Javier Pujol e David Louzao, un negocio de produto ecolóxico de Estefanía Fernández, e un Estudio de Arquitectura de Edilena de Oliveira.

No acto interviu tamén a concelleira de Promoción económica de Silleda, Paula Fernández, quen destacou a importancia deste tipo de eventos para crear contactos profesionais  entre as persoas emprendedoras e coñecer de forma ampla os recursos das institucións.

Así, proporcionouse unha formación intensiva sobre as posibilidades que ofrece o Polo de Emprendemento e apoio ao Emprego de Silleda da Fundación Roberto Rivas. As encargadas de explicar os servizos para a innovación e o emprendemento que ofrece esta entidade, dependente da Xunta de Galicia, foron as técnicas Eliana Bouzas e Vanesa Loureiro.

Ambas destacaron as ferramentas de apoio a través de mentorizacións e formación. A metodoloxía adáptase ao proxecto de negocio que chega ao Polo e acompañan aos emprendedoras nas etapas que o precisen.

Outra das iniciativas protagonistas foi a formación entorno ao programa SmartPeme da Deputación de Pontevedra, impartida por Fátima Faílde. Trátase dun programa de asesoramento TIC, capacitación en materia de novas tecnoloxías e formación para mellorar a competitividade.

Este foi o primeiro evento destinado ao sector empresarial que se organiza no Viveiro de Empresas, un espazo que naceu con vocación de servir como lanzadeira de novos proxectos, mais tamén como centro de encontro e formación. Como peche, houbo un espazo de networking para crear sinerxias e posibles relacións laborais entre as persoas asistentes.

Dende o Concello de Silleda agradeceuse a asistencia da directiva da Asociación de Empresarios de Área 33, de Marta Mariño, Secretaria Territorial de emprego da Xunta de Galicia; Ignacio Virel, xefe de negociado de proxectos de Novas Tecnoloxías da Deputacións; e a representante da consultora KPMG, coordinadora do programa SmartPeme.