O goberno municipal comezou a deseñar o orzamento municipal de 2016 que contemplarán 450.000 euros para a residencia de maiores e a suba das subvencións culturais e deportivas

Silleda, 26 de outubro de 2015. Hoxe celebrouse no Concello de Silleda a comisión especial dos orzamentos, convocada polo alcalde e responsable de Facenda, Manuel Cuiña, para dar conta da próxima aprobación dos orzamentos de 2016 ao resto da Corporación.

Así, nesta xuntanza Cuiña expuxo as principais liñas de traballo do orzamento municipal para 2016, “que temos previsto aprobar no vindeiro pleno ordinario do 26 de novembro, o que suporá todo un fito na historia de Silleda, xa que posiblemente nunca antes se aprobaran con tanta antelación”, engade.

O alcalde explica que aínda que os datos “a día de hoxe son provisionais, xa que estamos traballando no deseño do documento”, hai xa propostas enriba da mesa que se farán efectivas. Así, xa se pode avanzar que, a proposta da Alcaldía, o orzamento volverá a incluir unha partida para o Centro de Día Residencial, de 450.000 euros, que se sumarán aos 250.000 do presente exercicio co que arrancou o proxecto.

Outras das propostas do alcalde é a de incrementar as partidas destinadas ás subvencións para actividades culturais e entidades deportivas, “cuestión que xa se avanzou na reunión de hoxe”, engade.

Así mesmo, os orzamentos volverán a incluir unha partida para outra das grandes apostas do goberno municipal: as axudas a emprendedores, cunha dotación de 25.000 euros.

Propostas da oposición, ata o luns

Dado o carácter especial desta comisión informativa, a convocatoria abriuse a todos os membros da corporación. Cuiña solicitou, “como xa fixemos o pasado ano” aos dous grupos da oposición que realizaran propostas para incluir no apartado de inversión. Así e ata o vindeiro luns o goberno recollerá as propostas que se formulen.

“Foi unha reunión moi cordial, na que os grupos da oposición nos parabenizaron por esta reunión, e penso que moi produtiva”, explica o alcalde,engadindo que nas vindeiras semanas se continuará perfilando o documento para levalo ao pleno de novembro.

Mesa de Persoal: suba do 1% e abono da extra de 2012

Antes da comisión especial de contas, celebrouse a Mesa de Persoal, con presenza dos membros do Comité de Empresa do Concello e dos sindicatos CIG, CCOO, e CSIF. Nesta xuntanza o alcalde expuxo o contido do apartado de Personal incluído nos orzamentos para o vindeiro ano.

Explicou que ademais de abonarse xa coas nóminas deste mes o 26,23% da paga extra de Nadal que se suprimira no ano 2012, os orzamentos de 2016 incluirán unha partida para abonar á plantilla municipal o 50% que resta desa extra suprimida, “un abono que se fará xa posiblemente no mes de xaneiro”, explica Cuiña.

Asimesmo, o capítulo de gastos de persoal tamén contempla a suba salarial do 1% fixada polo Goberno Central.

Tamén se deu conta do compromiso adquirido en decembro do ano pasado para elaborar a Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, que conta xa con orzamento para a súa redacción nas contas deste ano. “O traballo iniciouse aínda  o pasado mes de setembro, xa que ao non permitir os grupos da oposición aprobar o orzamento de 2015 en decembro do pasado ano, non o puidemos realizar con anterioridade”, indica Cuiña, lembrando que a aprobación do  orzamento municipal de 2015 foi unha das primeiras medidas adoptadas polo goberno municipal ao inicio desta lexislatura, levándoo a pleno 15 días despois de tomar posesión.

Nova sesión sobre a RPT o vindeiro mes

Os representantes sindicais agradeceron tamén se que cumpran os compromisos e xa se fixou a celebración dunha nova sesión da Mesa de Persoal o vindeiro mes de novembro.

Durante a xuntanza os representantes dos traballadores municipais interesáronse por cuestións como a posibilidade de cubrir postos vacantes, subas salariais ou a equiparación salarial, “cuestión esta última que se tratará de aplicar de forma progresiva coa posta en marcha da RPT”.

O alcalde explicou que todas estas cuestión se abordarán na próxima xuntanza da Mesa de Persoal, na que se dará conta do traballo da RPT.

Asimesmo, tamén se advertiu que os orzamentos municipais volverán a contar cunha partida de 80.000 euros denominada de continxencias comúns , “unha cantidade que quedará ahí para posibles imprevistos e que se podería usar no caso en que se decidan aplicar máis subas salariais”, engade.