O goberno municipal lamenta que a obra do patio cuberto do CEIP de Silleda non sexa prioritaria para a Xunta

Silleda, 11 de novembro de 2013. A responsable municipal de Educación, Pilar Peón, lamenta profundamente que a demandada obra para dotar ao CEIP de Silleda dun patio cuberto non sexa prioritaria para a Consellería de Educación.  Así llo transmitiron hoxe na reunión celebrada en Pontevedra, coa presenza do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís, o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, e á que tamén asistiron o voceiro do PP, José Luis Espiño, e o concelleiro Luis Arceo, e a directora do centro, Silvia Peña.

En dito encontro explicouse que a Consellería de Educación só asumirá a obra se o Concello aporta o 50, 60 ou 70 % do custe, “xa que non a consideran unha actuación prioritaria, ao igual que acontece coa nova aula de Infantil para este centro ”, engade Pilar Peón. A concelleira explica que a día de hoxe esas cantidades son inasumibles por parte do Concello, “onde aínda descoñecemos os motivos polos que o orzamento se incrementou respecto ao proxecto municipal”.

Así, Peón explica que o pasado día 5 de xullo, dende o Concello se remitiu á xefatura territorial de Educación un proxecto feito por técnicos municipais, por importe de 103.026,08 euros. “E sorprendentemente agora o custe sube uns 20.000 euros máis”. Por iso, na reunión de hoxe a concelleira solicitou á Xefatura Territorial que remitise ao Concello por escrito os motivos detallados deste aumento orzamentario.

A concelleira de Educación lembra que o Concello só ten competencias nos centros de Primaria relativos ao mantemento ordinario e a pequenas reparacións. Así mesmo, o acordo asinado en 2007 pola Fegamp coa Consellería de Educación para o desenvolvemento do Pacto Local recolle que a Administración Autonómica asumirá os gastos de xestión dos CEIP, ao igual que fai cos centros públicos de secundaria.

Para a concelleira, o “máis lamentable aínda é que este goberno municipal se tivo que enterar polos medios de comunicación do aumento do orzamento, cando levamos dende o mes de agosto solicitando reunirnos co señor Pérez Ares, dende esta Concellería e dende a Alcaldía, sen que tiveramos resposta ata a semana pasada”.

Falta de respeto institucional

Pilar Peón explica que, logo de coñecer polos medios a reunión con representantes do PP de Silleda cos responsables de Educación, “púxenme en contacto co señor Pérez Ares, que incluso me negou vía telefónica a existencia de tal reunión fixada, segundo os populares para hoxe luns”. “A falta de consideración e de respeto institucional absoluta que tiveron con este tema, quedou máis que demostrada cando horas despois, o pasado xoves, se nos convoca para hoxe ás 10.30 horas”, explica.

Así, dende o goberno municipal agárdase que situacións “grotescas como esta non volvan a repetirse”, aínda que amosan a súa desconfianza “vendo o comportamento  que está a ter o delegado da Xunta en Pontevedra co Concello de Silleda nos últimos meses”, engade.

Para o goberno municipal o realmente importante é que “o patio cuberto do CEIP se faga, como se ven demandando dende hai anos, por iso seguiremos insistindo e facendo as xestións oportunas para que esta obra poida levarse a cabo nun futuro non moi lonxano”.

Cambio de ventanas e reposición da cuberta

Por outra banda, Pilar Peón confía no compromiso de Pérez Ares para que nos orzamentos de 2014 se inclúa a reposición de ventanas no CEIP de Silleda a dotación dunha nova cuberta, que está totalmente obsoleta, tal e como advirten os técnicos.

“Fixen moito fincapé en que estas actuacións estén rematadas o vindeiro ano, porque comezouse a facer en 2011 e xa vai sendo horas de que se remate”, sinala.

Neste senso, dende o goberno municipal ofreceuse toda a colaboración posible para realizar obras coma o remate da reposición das ventanas.