O goberno solicitou aos grupos da oposición propostas para inversións nos orzamentos de 2015

Silleda, 12 de decembro de 2014. O alcalde de Silleda e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuiña, solicitou a semana pasada durante a celebración da última comisión informativa, que fixeran as súas propostas de inversión municipais para o vindeiro ano 2015.

Cuiña explica que “por primeira vez na historia deste Concello o orzamento municipal contará con unha cantidade considerable para abordar actuacións con fondos municipais”, explica indicando que xa nas contas de 2014, que por primeira vez se saldaron con superávit, se empezou a albiscar esta mellora económica.

No día de onte xa se recibiron as propostas dos dous grupos da oposición, con algunha actuación coincidente, caso do Centro de Día para maiores, a dotación de patio cuberto para o CEIP de Silleda ou de electricidade no mosteiro de Carboeiro, así coma o traslado da Escola de Música.

“Agradecemos que presentaran as súas propostas para a realización de inversión, propostas que agora estudiaremos, porque é o goberno municipal quen ten que deseñar o orzamento”, engade Cuiña.

O goberno municipal, tal e como xa se adiantara no pleno de aprobación dos orzamentos do presente exercicio, ten previsto sacar adiante o orzamento de 2015 este mesmo mes. “Será outro feito histórico  que neste Concello se aproben uns orzamentos con esta antelación”, engade.

En cando á dispoñibilidade desa destacada contía, Cuiña lembra que “2015 será o ano da recuperación económica nas contas municipais grazas ao traballo realizado nesta lexislatura con políticas de aforro e contención do gasto que non minoraron a prestación de servizos”.

“Como xa levamos dicindo nos últimos meses estamos na boa dirección no que a economía municipal se refire, en condicións de poder quitarnos o estigma de ser un dos concellos máis endeudados e de darlle a volta a unha situación provocada pola irresponsabilidade dos que gobernaron durante moitos anos este Concello gastando o que tiñan e o que non tiñan”, engade o alcalde.