O luns 4 de setembro ábrese o prazo de inscrición nas Escolas Deportivas de Silleda

-Ofertaranse 8 modalidades. As inscricións deben formalizarse no pavillón César G. Fares

Silleda, 2 de setembro de 2023. O Concello de Silleda abrirá este luns 4 de setembro o prazo de inscrición nas escolas deportivas para o vindeiro curso. As actividades comezarán a impartirse na maioría dos casos como vén sendo habitual no mes de outubro, se ben algunhas delas arrancarán xa a vindeira semana (caso de esgrima, zumba fitness e baloncesto).
Neste curso ofertaranse un total de 8 modalidades: patinaxe, kung-fu, baloncesto, zumba fitness, zumba kids, ciclismo, esgrima e como novidade atletismo.
As inscricións realizaranse no pavillón César G. Fares de Silleda, en horario de 09:00 a 15:00 horas (a partir do mércores tamén se recollerán pola tarde).
As actividades impartiranse no pavillón César G. Fares, no pavillón do IES (no caso de Atletismo, con sesións impartidas polo club Atletismo Deza) e tamén ao aire libre, no caso de modalidades coma o ciclismo.
Na escola de patinaxe, a idade límite de iniciación será para nenos e nenas nados en 2019, neste caso con prazas limitadas.
Todas as persoas interesadas poderán recibir máis información sobre as distintas modalidades no propio pavillón ou chamando ao número de teléfono 650 953872.