O Mini Eco Punto Limpo estará nos centros escolares do municipio a partir da vindeira semana

-Esta nova dotación, a través da iniciativa de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE), que promove a Deputación de Pontevedra, iniciará un percorrido polos 4 centros de ensino a partir do xoves día 1
Silleda, 25 de setembro de 2020. O Concello de Silleda iniciará a vindeira semana a rotación do Mini Eco Punto Limpo polos centros escolares. Esta nova dotación medioambiental chegou o pasado mes de agosto ao municipio a través do programa de Estratexia Sostible Transfronteiriza para a Xestión dos Residuos de Aparellos Eléctricos e Electrónicos (ESTRAEE), que promove a Deputación de Pontevedra, e instalouse un no vestíbulo da Casa da Cultura de Silleda.
Esta dotación, deseñada para interiores, permitirá que a veciñanza deposite pequenos residuos eléctricos. En concreto neste punto poderán depositarse pilas e baterías, cargadores, e dispositivos de telefonía mobil e tablets. Os tres colectores iniciarán o seu periplo nos centros escolares o vindeiro xoves 1 de outubro no CEIP Plurilíngüe de Silleda.
“Con esta iniciativa queremos fomentar a reciclaxe e concienciar á poboación máis nova”, indica o concelleiro de Medio Ambiente, Klaus Brey. O mini eco punto limpo visitará despois o CEIP Ramón de Valenzuela, o CPR María Inmaculada e o IES Pintor Colmeiro.
Esta dotación vén a complementar tamén o servizo dos dous mini puntos limpos, colocados en Silleda (rúa Trasdeza) e na Bandeira (praza da Feira) nos que se pode depositar varias modalidades de residuos: pilas (convencionais, alcalinas, de petaca e de botón), e baterías de móbiles; teléfonos móbiles; unidades de CD/DVD; cartuchos de impresora de inxección, lámpadas de baixo consumo e tamen os chamados RAES (residuos de aparellos electrónicos ou eléctricos que leven pilas ou se poidan enchufar á corrente).