O Mosteiro de Carboeiro acolle este venres un concerto de coro e orquestra do trixésimo curso “Tamara Brooks”

Silleda, 13 de agosto de 2019.   O venres día 16 a música clásica volta á igrexa do Mosteiro de Carboeiro. A cita enmárcase dentro do prestixioso curso de verán “Tamara Brooks” que se celebrará dende o 4 ata o 18 de agosto en diferentes localidades da provincia pontevedresa, e que por terceiro ano consecutivo recala na localidade trasdezana.

O concerto de música clásica reunirá a preto de medio centenar de alumnos/as e profesores do 30 Curso de Verán de Dirección, Canto, Coro e Orquestra. A cita será ás 21:00 horas, con entrada de balde, e con motivo da súa celebración o mosteiro estará pechado ao público dende ás 14:30 para a celebración dos ensaios.

Este curso de verán, que dende 2016 toma o nome da prestixiosa directora de orquestra estadounidense falecida en 2012, conta nesta trixésima edición coa participación de destacados directores.

Así están presentes Julio Domínguez, director do coro de música clásica Camerata ad Libitum, que organiza este curso, Adriana Tanus, Laura González Machín e Vitor Lima, que tamén colaborarán e encamiñarán a dirección do curso, Carmen Solís, que impartirá unha masterclass avanzada(canto)–entre outros- e protagonista da película “Io, Don Giovanni” de Carlos Saura; Fernando Briones, Juan Abalde (Técnica vocal/canto); Gloria Nóvoa (Técnica vocal/canto); Sonia Bouzada (contralto); e Paula Cobián ( Expresión corporal) , entre outros. Ao piano/órgano estará Rasa Biveiniene.

“Unha vez máis o mosteiro de Carboeiro e a súa beleza volverán a fundirse coa música clásica grazas a este concerto”, sinala a concelleira de Cultura e Turismo Mónica González, que agradece aos organizadores do curso que elixiran o mosteiro silledense un ano máis para un dos seus concertos deste ano.

O 30º curso Tamara Brooks comezará o vindeiro 4 de agosto en Mondariz e continuará ata o sábado día 17 coa celebración de clases e distintos concertos.

Dende o Concello convídase tanto ás formacións musicais e corais coma aos veciños en xeral a asistir a este concerto, “no que contaremos coa presenza de destacados músicos e directores”, engade.