O mosteiro de Carboeiro recibiu máis de 10.000 visitas nos primeiros oito meses do ano

Silleda, 21 de setembro de 2013.  O mosteiro románico de San Lourenzo de Carboeiro segue a ser un dos lugares máis visitados da comarca do Deza. Segundo os datos recabados polo departamento municipal de Turismo, o cómputo de visitas dende xaneiro ata o pasado mes de agosto sitúase nun total de 10.093 persoas.

Os meses de verán, nomeadamente agosto, volven ser os de maior afluenza. En xuño foron 893 os visitantes, en xullo 1135 e en agosto rexistráronse un total de 2156 visitas. Destaca tamén a grande afluenza rexistrada durante o mes da maio, o segundo de maior afluenza, con 1746 visitantes. En abril foron 1239, en marzo 859, en febreiro 1265 e en xaneiro 800.

Por idades, a franxa situada entre os 35 e 65 anos volve destacar entre o listado de visitantes, seguido dos de maiores de 65 e os de idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos.

En canto á procedencia dos visitantes, a Comunidade Galega volve ser a que máis aporta, seguida de outras comunidades do norte penínsular. Neste senso, en canto aos visitantes do territorio nacional destaca un repunte nas persoas procedentes de Madrid e Cataluña, debido á inclusión do mosteiro nos circuitos de viaxes programados dende organismos coma o Imserso.

No plano internacional destaca a presencia de visitantes procedentes de Francia, seguidos dos de Reino Unido, e outros países europeos coma Italia. Tamén se rexistraron visitas de turistas procedentes de Estados Unidos ou Canadá.

Trescentas visitas na vindeira semana

Dende a Concellería de Cultura e Turismo Margarita Campos  destacase o gran interese que segue a despertar Carboeiro como emblema turístico de Silleda e da comarca, e tamén medidas levadas a cabo para fomentar as visitas a este edificio histórico e ó seu entorno, á beira do río Deza, coma o feito que durante os meses de xullo e agosto se abrirá ao público todos os días da semana.

Así mesmo, para os vindeiros meses están xa confirmadas visitas grupais por parte de colectivos culturais, coma o caso da Asociación Cultural Libre de Paderne Roxín Roxal (dentro do seu programa Roteiros de Outono), o de  un grupo de profesores universitarios ou outras incluídas en distintos programas sociais.

Tal é o caso da iniciativa Coñece a túa provincia, da Deputación de Pontevedra, a través da que a vindeira semana se achegarán ata Carboeiro unas 250 persoas, que xunto con outras 50  procedentes dalgúns dos grupos antes citados, sumarán uns 300 visitantes en poucos días.Tamén está previsto que visiten en vindeiras semanas o edificio outro grupo procedente de Andalucía.

“Este tipo de programas e circuitos axudan tamén a dar a coñecer o noso gran emblema turístico”, sinala Margarita Campos.

O mosteiro estrenou a semana pasada horario de inverno Así, o novo horario será, de martes a venres, de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 18.00 pola tarde.  O luns, como viña sendo habitual, o mosteiro non abrirá as súas portas ao público.

No caso da fin de semana, o horario tamén cambia respecto ao que se viña mantendo. Así, os sábados e domingos o mosteiro románico estará aberto ao público de 11.00 a 14.00 e de 15.00 a 18.00 horas, mentres que o pasado inverno o horario foi continuado (de 11.00 a 18.00).