O Nadal en Silleda arranca o día 9 cun espectáculo de luz e son que dará paso a unha programación con máis de 40 actividades

– As actividades comezan o sábado 9 de decembro e rematarán o 6 de xaneiro, día de Reis. Entre as grandes novidades da programación deste ano destacan o espectáculo de luz e son sobre a fachada da nova casa consistorial (realizaranse tres pases: o 9 e 29 de decembro e o 5 de xaneiro) e a celebración dun Pre Fin de Ano con badaladas e animación musical despois da Carreira San Silvestre.

– Coma outros anos, o calendario de Nadal de Silleda estará conformado por unha gran variedade de actividades culturais para todos os públicos, que inclúe concertos, teatro, animación de rúa, actividades deportivas, a tradicional xuntanza de Nadal das persoas maiores, a Festa Infantil de Fin de Ano, o desfile de Papá Noel en Bandeira, a Cabalgata dos Reis Magos en Silleda, entre outros.

– Unha vez máis, a solidariedade terá un especial protagonismo a través de múltiples actos benéficos nos que os fondos recadados irán destinados a diferentes iniciativas: para o pobo de Palestina a través de Save The Children, para a asociación local Aupa Deza e tamén para o servizo municipal Silleda Solidaria.

Silleda, 2 de decembro de 2023. O Nadal volta a Silleda cunha variada e completa programación pensada para todos os públicos. Como novidade, o sábado 9 de decembro ás 18:30 horas, Silleda dará a benvida ao Nadal cun potente espectáculo de iluminación ao ritmo da música, que se proxectará sobre a fachada da nova casa do Concello. Ao remate do espectáculo visual, será o momento de acender a iluminación festiva instalada nas rúas dos dous cascos urbanos do municipio (Silleda e Bandeira), así como en prazas e edificios públicos e nos principais accesos ao concello (Taboada, Laro e Lamela). Este inicio fíxase nunha data de gran relevancia para o municipio como é a celebración de Santa Eulalia, patroa da parroquia de Silleda, que contará cun acto festivo promovido polo colectivo Xuventude de Silleda na praza de Siñor Afranio a partir das 22:30 horas. Habilitarase unha carpa para o caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen.

Música, teatro, circo, animación de rúa, obradoiros, contacontos, competicións e os xa tradicionais desfile de Papá Noel e a Cabalgata de Reis Magos, centran a programación en Silleda, con máis de 40 actividades que se levarán a cabo ata o sábado 6 de xaneiro.

Actos solidarios

O venres 15 pola mañá, o CEIP de Silleda en colaboración coa ANPA de Silleda, organiza a súa Feira da Alegría, que terá lugar de 11:00 a 13:00 horas na Praza Juan Salgueiro de Silleda. O alumnado, distribuído en diferentes postos, venderá produtos elaborados polos propios estudantes. Os fondos recadados doaranse á asociación Aupa Deza.

O domingo 17, o Auditorio da Semana Verde acollerá a audición de Nadal da Escola de Música de Silleda. O acto dará comezo ás 17:30 h e terá carácter solidario, destinando os fondos recadados para o pobo de Palestina a través da organización Save The Children.

A Coral Polifónica de Trasdeza ofrecerá o seu festival de Nadal o sábado 23, ás 19:30 h, na igrexa parroquial de Silleda. Unha semana despois, o sábado 30, será a quenda da Banda de Música Municipal de Silleda, que celebra o seu concerto de Nadal en solidariedade coa asociación Aupa Deza. Este evento realizarase no pavillón 1 da Semana Verde tamén ás 19:30 h.

O último sábado do ano tamén contará cun Torneo Solidario organizado pola SD Bandeira a partir das 17:00 h no campo de fútbol A Gandareira. Neste caso, a cantidade recadada a través do cobro das entradas solidarias irá en beneficio do programa Silleda Solidaria, que proporciona axuda a familias en risco de exclusión social do municipio.

Finalmente, e tamén en colaboración con Silleda Solidaria, a vila de Bandeira acollerá o tradicional concerto de Aninovo no Auditorio Manuel Dopazo, que pechará a programación o sábado 6 de xaneiro. Neste evento, participarán a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, a banda infantil, a Asociación Cultural Xirandola, o Coro Vales Mahía, +QDanza e Enredos Teatro.

Teatro, contacontos e aniversario de Festibandeira

Un dos primeiros actos do Nadal terá lugar o luns 11, no Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira, coa organización dunha sesión de contacontos de Nadal para a rapazada. Así mesmo, Silleda contará tamén cun contacontos a cargo de Raquel Queizás, nesta ocasión, destinado ao alumnado de Infantil do CEIP de Silleda. Este último, será na Biblioteca Municipal Daniel Castelao a mañá do luns 18, formando parte do programa municipal Biblioafíliate, que arranca con esta iniciativa.

As obras teatrais tamén formarán parte da programación de Nadal. A primeira delas dará comezo o domingo 17 coa obra “Dúo Vaguedades” (por Artefeito) ás 19:30 h, no Auditorio Manuel Dopazo, encadrada no programa “Tornar ás táboas” da Deputación de Pontevedra. Por outra banda, o xoves 28, ás 18:00 horas, o recentemente estreado salón de actos do concello de Silleda é o espazo elixido para a representación da obra teatral “Frida”, da compañía A Cova das Letras.

Unha vez máis, o colectivo Festibandeira festexará o seu aniversario. Nesta ocasión, o sábado 16 celebran os dous anos de vida cun espectáculo realizado por N+1 Teatro Circo Danza no Auditorio Manuel Dopazo, ás 18:00 horas, en colaboración coa ANPA Brincadeira. Xa pola noite, a festa trasladarase ao café bar Arume da vila de Bandeira.

Entre outras actividades promovidas polo Concello de Silleda, cabe destacar o comezo do programa Silleda Agasalla o martes 12 de decembro ou a charla de resolución de conflitos para familias que se realizará na Casa da Xuventude o xoves 14 de decembro. Tamén a presentación do libro “Os Balbinos visitan Silleda”, o sábado 16 de decembro ás 17:00 h, no salón de actos do concello de Silleda.

Animación de rúa, circo de lume e obradoiros para todas as idades

A animación nas rúas tampouco faltará en Silleda. Así, o sábado 9 de decembro o circo Krasnobarak percorrerá as principais rúas de Silleda a partir das 17:00 h, partindo e tendo como núcleo central de animación a praza Siñor Afranio.

A animación voltará ás rúas con zancudos elegantes o venres 22 a partir das 17:00 h. Tamén, nesta mesma xornada comeza o servizo da Ludoteca de Nadal, que estará aberto ata o venres 5 de xaneiro no Auditorio Manuel Dopazo de Bandeira e no Pavillón César González Fares de Silleda.

O venres 29, ás 18:30 h, a praza Siñor Afranio será invadida polo lume a través dun potente e visual espectáculo circense que acompañará ao segundo pase do espectáculo de luz e son sobre a fachada da casa consistorial.

O programa inclúe obradoiros para todas as idades. O martes 19, no centro social de Silleda, ás 16:30 h, Sororas impartirá un obradoiro de adornos de Nadal para persoas adultas. O martes 26, será a quenda dun obradoiro de xabóns no devandito espazo. Finalmente, o mércores 3 de xaneiro, a rapazada poderá gozar dun obradoiro de cantigas de Reis ás 17:00 horas.

O Centro Cultural Vista Alegre de Bandeira volverá unha vez máis a ser un dos epicentros culturais do municipio a través do seu colectivo. Nestas instalacións, poderase desfrutar das seguintes actividades: a inauguración dos adornos de Nadal o luns 11; a demostración gastronómica o venres 15; un taller de adornos de Nadal e a exposición de postais de Nadal, o xoves 21; así como o campionato infantil de futbolín o venres 22 ás 18:00 h.

Dende o departamento de Benestar Social e Servizos Sociais, dirixido pola concelleira Ángela Troitiño, organízanse dúas importantes actividades para as persoas maiores: a Xuntanza de Nadal o xoves 21 (14:00 h) e o ensaio de Fin de Ano o xoves 28 no centro social de Silleda (20:30 h).

Festa infantil e gran despedida do 2023

O mércores 27, no pavillón César G. Fares, de 17:00 a 21:00 horas, a rapazada de Silleda volverá gozar un ano máis da Festa Infantil de Nadal, que este ano contará cunha disco móbil e inchables entre outras sorpresas.

Para despedir o ano 2023 organízanse dúas actividades: a xa coñecida e concorrida Carreira de San Silvestriño (11:00 h) e a San Silvestre (11:30 h) e como novidade, celebrarase un Pre Fin de Ano ás 13:00 horas, con badaladas e animación musical e festiva que comezarán ao remate da entrega de premios da carreira deportiva.

Por outro lado, o sábado 23 no pavillón César G. Fares haberá un torneo de esgrima que ocupará todo o día. Nesta mesma localización, o martes 2 de xaneiro ás 17:00 horas, realizarase unha animada tarde de xogos tradicionais. A continuación, o xoves 4 de xaneiro, arranca a xincana “Igualdade Express”, que sairá dende o Centro Cultural Vista Alegre ás 17:00 horas.

É importante destacar o papel da asociación de comerciantes de Silleda (ECOS), que organiza dous xoves de churros con chocolate (21 e 28) polos establecementos de hostalería pertencentes á asociación (de 17:00 a 20:00 horas). Isto compleméntase coa súa campaña de promoción de Nadal, que repartirá máis de 10.000 euros entre premios directos e vales de compra.

Desfile de Papá Noel e Cabalgata

O programa deste Nadal en Silleda segue incluíndo dúas das citas máis concorridas: a recepción e o desfile de Papa Noel e a Cabalgata de Reis. O domingo 24, Papá Noel visitará o salón de actos do concello de Silleda en dúas quendas: de 12:00 a 14:00 e de 17:00 a 19:00 horas. As persoas que o desexen poderán coñecelo, conversar con Papá Noel e facer entrega das súas cartas e peticións. Ao día seguinte, Papá Noel despedirase do municipio cun gran desfile en Bandeira, que sairá do Auditorio Manuel Dopazo ata o Centro Cultural Vista Alegre, onde se celebrará unha festa infantil e unha chocolatada con churros gratuíta.

No caso da Cabalgata de Reis, que volta o venres 5 de xaneiro, esta sairá ás 18:00 horas da praza Siñor Afranio para recorrer as rúas de Silleda. Antes da saída das súas Maxestades, poderase presenciar o terceiro pase do espectáculo de luces e son. A cabalgata rematará no pavillón César G. Fares, cunha gran recepción e chocolate con churros para todas as persoas asistentes.

Certames Vai de Parroquia e Silleda Fai Nadal

Ademais das actividades mencionadas, o Concello de Silleda ten en marcha o certame Fai Nadal, no cal premiará ás mellores decoracións de Nadal do municipio nas categorías individual e colectiva. Así mesmo, nos vindeiros días darase a coñecer unha nova edición do concurso Vai de Parroquia, que buscará un ano máis promocionar a riqueza cultural, natural, arquitectónica e artística das 33 parroquias que conforman Silleda.