O Nadal Solidario remata o vindeiro sábado co concerto de Ano Novo na Bandeira, en favor de Filipinas

Silleda, 1 de xaneiro de 2014. O auditorio Manuel Dopazo acolle o vindeiro sábado día 4 o xa tradicional concerto de Ano Novo na Bandeira, coa participación de todas as agrupacións de música e baile da localidade.

Este recital, que comezará ás 19.30 horas, vén a pechar a programación do Nadal Solidario, que incluiu distintas actividades ao longo das últimas semanas, para a recaudación de fondos, alimentos e xoguetes para o programa Silleda Solidaria.

Nesta ocasión, para o concerto do sábado, o programa municipal colabora coa ONG Unicef, e nesta celebración recolleránse fondos para os damnificados polo tifón Yolanda, que arrasou o mes pasado Filipinas. No concertó estará tamén presente un representante de Unicef, coa que se colabora con este concerto.

Actuarán as agrupacións de baile Fortín da Pomba e Xirandola, o Coro Vales Mahía e pechará o concerto a Banda Recreativa e Cultural da Bandeira.

Dende o Concello, que puxo en marcha o pasado ano o programa Silleda Solidaria, e dende Unicef, agradécese de anteman a colaboración do público con esta causa.

Así mesmo, o alcalde Manuel Cuíña, quere amosar o seu agradecemento a todas as persoas e entidades que están a colaborar nestas datas co programa Silleda Solidaria. En vindeiras datas darase a coñecer de xeito detallado a contía da recadación dos concertos e actividades deportivas do Nadal Solidario.