O orzamento de Silleda para 2015 prevé inversións por case 700.000 euros con fondos propios

 

Silleda, 22 de decembro de 2015. O goberno municipal de Silleda someterá o vindeiro luns día 29 á aprobación do Pleno os orzamentos para o vindeiro ano 2015, cun montante global de 6.032.398, 20 euros, e nos que destacan as inversións con fondos propios.

Así, as contas, presentadas hoxe en comisión informativa recollen un programa de inversións reais para 2015 que alcanzan os 696. 174,89 euros, “un feito histórico e sen precedentes se temos en conta que se trata de fondos propios do Concello”, destaca o alcalde e responsable municipal de Facenda.

Encabeza o listado de inversións a construcción dun novo edificio para a Escola de Música Municipal de Silleda, con 250.000 euros. Prevese levantar o edificio nunha das parcelas que vén de obter o Concello de Silleda a través do acordo para saldar as débedas mutuas coa Fundación Semana Verde.

Así mesmo, outra das inversións destacadas é a adaptación do edificio transferido tamén ao Concello de Silleda en virtude do citado acordo, para adaptalo como Residencia da Terceira Idade. O orzamento recolle un investimento de 100.000 euros, que se suman aos 200.000 euros donados por Avelino Ramos hai dous anos para esta dotación.

O alcalde, Manuel Cuiña, reitera antes as informacións dos últimos días, que a Escola de Música se trasladará ao edificio das oficinas en canto o Concello disponía del “e a partir de ahí abrirase unha reflexión sen prisas sobre a mellor opción”, engade.

Cuiña explica que optou por propoñer a residencia neste edificio, de 1.800 metros cadrados, polas “súas características construtivas, ao contar xa por exemplo con habitacións e aseos”, engade.

“Creo que é unha aposta beneficiosa que pode comezar a tomar forma a partir do deseño que facemos nestes orzamentos, onde ademais destas dúas actuacións temos outros 250.000 para novas obras”, engade.

Tamén figuran nas inversións previstas a estrutura para o ansiado patio cuberto do CEIP de Silleda (20.000 euros); a mellora da iluminación na rúa Trasdeza (36.000 euros); traídas de auga en Taboada e Cortegada (30.000 euros); a mellora do entorno da praza Camilo José Cela da Bandeira (40.000 euros); obras en locais sociais das parroquias (15.000 euros); a continuación da creación de espazos biosaudables no rural (24.000 euros); a mellora de camiños públicos no entorno de Carboeiro e a Fervenza do Toxa, por 13.000 euros ; o acondicionamento da zona recreativa de Rosende, en Ponte (15.000 euros ) ou a reposición de infraestruturas e melloras viarias por 97.2000 euros.

“Son uns orzamentos que marcan o cambio de rumbo na economía municipal de Silleda, despois de que o pasado ano conseguiramos eliminar o lastre do remanente negativo de tesourería”, engade Cuiña, destacando que se trata dunhas contas “cun alto contido social, pensando en servizos e dotacións necesarias”, engade.

Fondo de continxencias, con 80.000 euros

Ademais dos case 697.000 euros que “por primeira vez xurden de recursos propiamente municipais, algo impensable ata hai pouco”, -prosigue o alcalde- nos orzamentos de 2015 tamén se crea unha partida de 80.000 euros denominada Fondo de Continxencias, para financiar actividades que xurdan durante o exercicio ou para cubrir desfases orzamentarios. “Trátase dunha partida de salvagarda para manter o principio de estabilidade orzamentaria”, indica.

Así mesmo, Cuiña advirte que as inversións “serán aínda maiores cos fondos procedentes de outras Administracións das que aínda non sabemos as contías”, engade.

O alcalde destaca tamén a aprobación “en tempo en forma” das contas, que tal e como anunciara se producirán antes de que comece o exercicio, “algo que tamén pode definirse como histórico en Silleda”, engade.

O acordo coa Semana Verde marca tamén o orzamento do Concello para 2015, “sentando as bases para as dúas das grandes aspiracións deste mandato: a residencia para os maiores e o ansiado traslado da Escola de Música e acabando co capítulo de débedas de dubidoso cobro que protagonizaba a débeda coa Semana Verde dende hai moitos anos”, sinala o alcalde.

Na Memoria da Alcaldía recóllese que o convenio é beneficioso para as dúas partes “liberando á fundación da carga que supoñía a débeda co Concello o que lle permitirá traballar redundando no beneficio de Silleda en particular e Galicia en xeral”. Tamén reseña Cuiña que o acordo supón incrementar notablemente o patrimonio municipal de Silleda, coas tres propiedades que pasan a Concello, “coa trasndencia a nivel social que implican, redundando o acordo no interese público”, engade.

Ingresos

No capítulo de ingresos, prevese recaudar 1,7 millóns de euros por impostos directos, prácticamente a mesma cantidade que en 2014. En impostos indirectos (ICIO) a recadación deseñada pasa de 40.000 euros a 60.000 para 2015, en previsión dun lixeiro aumento de construccións.

En canto ás taxas, a recadación prevista é moi similar á de 2014, con 1,3 millóns de euros. Mantense a mesma cantidade para o abastecemento de auga (417.500 euros) e aumenta a do servizo de recollida de lixo (pasa de 368.225 a 438.225 euros) como consecuencia da recente revisión do padrón realizada polo ORAL, con novas altas.

No capítulo de transferencias correntes, -onde se inclúen os ingresos ordinarios doutras Administracións (Plan Concertado de Servizos Sociais, Programas de asistencia social, Plan de Cooperación ou a Participación en Tributos do Estado-, consignase uns ingresos  de 2,7 millóns de euros.

Para Transferencias de Capital, con inversións de axudas supramunicipais, consignanse 225.526 euros, unha cantidade prudente (en 2014 orzamentáronse 560.000 euros) á espera da confirmación destas obras.

Gastos

En canto aos gastos, o capítulo de persoal redúcese pasando de 2.028.552 a 1.884.779 euros, como consecuencia da baixada da plantilla por xubilacións e non renovación de contratos.

En gastos de bens e servizo correntes créase unha partida de 2,7 millóns de euros (en 2014 foi de 2,6), manténdose a tónica da contención do gasto, “unha filosofía grazas á que hoxe podemos falar dos orzamentos da recuperación, e todo sen reducir servizos”, engade o alcalde.

En transferencias correntes tamén se mantén prácticamente a mesma cantidade que o pasado exercicio (156.303 euros), continuando as mesmas partidas para subtencións a asociaciación e entidades deportivas, entre outras, e incluíndose outras novas como 7.000 euros para axudas ao transporte de universitarios.

As amortizacións de préstamos a longo prazo supoñen ademais un gasto de 200.000 euros, aos que hai que sumar 244.716,76 euros de intereses, nun ano no que ao igual que o anterior non se prevé recurrir a ningunha operación de préstamo.

A débeda viva do Concello de Silleda ascende a finais deste ano 2014 a 3.065.534.24 euros, “unha débeda que segue baixando gracias á xestión deste goberno”, engade Cuiña.

O orzamento do cambio

“Se xa co histórico superávit de 2014 dixemos que estabamos en condicións de darlle a volta á situación económica do Concello de Silleda, con este documento que deseñamos para o vindeiro ano podemos dicir que se presenta o orzamento de cambio, para que Silleda deixe de ser dunha vez por todas sinónimo de débedas e impagos, para que os recursos económicos revirtan nunha mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, con máis dotacións de tipo social, con mellores infraestruturas e con servizos axeitados”, engade o alcalde. “O orzamento cumpre ademais co Plan de Axuste ao que está sometido o Concello dende 2012, e que á vista dos bos resultados e do esforzo realizada mesmo poderiamos deixar a un lado se ca aprobación da Conta Xeral se confirma esta melloría”, engade, reiterando que a receta seguida polo goberno local “e a mesma coa que xa traballamos na anterior lexislatura: non gastar o que non se ten”.