O orzamento municipal para 2018 sitúase en 7,8 millóns de euros

 

Silleda, 3 de marzo de 2018.  O executivo local de Silleda levará a  pleno o vindeiro venres día 9 de marzo a aprobación inicial do orzamento municipal para este ano.

O montante global das contas sitúase en 7.800.000 euros , unha cifra que supón un incremento de 697.499 euros euros respecto ao ano anterior, case un 10% máis.

 “Unha vez máis volvemos a presentar un documento impensable hai algúns anos, no que se reflexa tanto o aforro conseguido nos últimos exercicios coma o aumento da capacidade inversora do Concello de Silleda”, indica o alcalde e responsable municipal de Facenda,  Manuel Cuiña.

O capítulo de inversións reais segue aumentando progresivamente situándose xa en 2.013.400 euros. Este apartado contará con 547.406 euros máis que en 2017. A partida máis destacada é a correspondente á segunda fase da remodelación do campo de fútbol da Gandareira, cunyha inversión de 882.671 euros, a través do plan de reequilibrio territorial da Deputación e con aportación de fondos municipais.  Entre as actuacións destacadas figura tamén a Rede de Calor con producción de biomasa, na que se investirán 816.587 euros. Tamén se contempla a compra da parcela onde se ubicará a central de producción da rede, con 114.327,89 euros.

A través do Plan de Obras e Servizos (POS 2018) acometeránse tamén melloras viarias como a segunda fase de mellora no núcleo de Siador ou a instalación de paneis informativos nas parroquias do rural. Os investimentos reais aumentan en máis dun  37% “o que reflexa a boa disposición económica logo de moitos anos co lastre das débedas e as sentencias que coartaron os investimentos en Silleda”, sinala o alcalde.

“Continuaremos apostando pola mellora e mantemento da nosa extensa rede viaria con outras actuacións puntuais que se sumarán a estas inversións”, engade Cuiña quen reitera “que parecía impensable que en seis anos pasaramos de ter un orzamento de 4,8 millóns aos casi 8 deste exercicio”, engade.

Subvencións e incremento das axudas ao transporte

Froito da melloría financiera do Concello nos últimos anos é tamén a aposta polo aumento nas axudas ao transporte e compra de libros e material escolar, cunha partida que pasa de 20.000 a 30.000 euros. AS subvencións a colectivos culturais, entidades deportivas e asociacións veciñais manteñen as contías logo da suba de casi un 30% rexistrada en 2017 .

O Plan Municipal de Axuda á Creación de Emprego, que dende 2015 vén subvencionando a posta en marcha de novos proxectos empresariais, contará ao igual que o pasado ano cunha partida de 15.000 euros.

No capítulo de Transferencias corrientes tamén hai un considerable aumento (do 47,39%) (pasa de 208.000 a 307.000) ao ter que asumir o Concello os gastos da Escola Infantil reclamados polo Consorcio Galego de Benestar (72.000 euros).

 

Capítulo de Ingresos

No tocante aos ingresos, volve aplicarse a filosofía da prudencia e o rigor económico en base a liquidacións anteriores. En impostos directos (IBI, IVTM, IAE e BICES) está previsto recaudar 1.898.000 euros, case un 8% máis que o pasado ano por mor da revisión do catastro.

 

Por impostos indirectos (ICIO) prevese recadar 80.000 euros, algo menos que o pasado (un 5,8% menos).

"Agardamos que o PXOM, a clave do futuro de Silleda, sexa aprobado pola Xunta canto antes, para revitalizar a economía local nun municipio onde hai moitos veciños pendentes do planeamiento para poder construir a súa vivenda", engade o alcalde.

En canto ás taxas e outros ingresos o capítulo descende nun 25%  en parte ao rebaixarse o prezo da auga (cun descenso na recadación en torno aos 60.000 euros).

No tocante ao capítulo 4, de Transferencias Correntes (ingresos doutras Administracións) as previsións aumentan un 10% (con 2,7 millóns de euros) e as Transferencias de Capital (axudas para inversións por parte de Administracións superiores) recollen as aportacións previstas oara distintas actuacións con 1,8 millóns de euros.

Capítulo de Gastos

No apartado de gastos, o capítulo 1 de Persoal sitúase en 2.226.000 euros, o que volve supoñer un 28% do  montante total das contas municipais, "unha porcentaxe que tamén é significativa da mellora na economía municipal", sinala Manuel Cuiña.

Os gastos correntes e de servizos sitúanse na liña de anos anteriores , con 2.914.600 euros, uns 88.000 euros menos que en 2017. 3.003.072 euros.

En canto á débeda bancaria, a longo prazo, situarase a finais deste ano en 1,7 millóns de euros.

Plan financiero por mor do pago a Indeza, o único pendente

A longo do pasado ano o Concello de Silleda tivo que facer fronte ao pago de 482.000 euros pola débeda coa empresa Indeza, unha sentenza que se remonta aos anos 90 e que era "a única rémora que nos quedaba no tocante a débedas logo de abonar nos últimos anos un rosario de vergoñentas sentenzas condenatorias que fomos herdando".  

Estes case 500.000 euros que se abonaron en 2017 “ e que suponían o 9% do orzamento municipal” –lembra o alcalde- obrigan agora a realizar un plan financiero –tal e como se recolle no informe sobre a Liquidación de 2017- ao superarse o gasto previsto o pasado ano.

 

Mesa de Personal e teito de gasto

O vindeiro luns celebrarase a Mesa de Persoal para explicar aos representantes da plantilla municipal a proposta do orzamento. Así mesmo, as comisións informativas foron convocadas xa para o vindeiro martes día 6.

A orde do día do Pleno inclue ademais a dación de conta da liquidación de 2017 e a aprobación do chamado teito de gasto, o límete de gasto non financieiro para o exercicio 2018, que se sitúa en 5.328.922 euros.

 

Dos números roxos a máis de  2 millóns  en inversións

O alcalde de Silleda considera que o orzamento municipal "volve confirmar o espectacular progreso na xestión económica deste Concello, que nos últimos anos pasou de ter un remanente de tesorería negativo a ter superávit nas contas,  e o que é máis importante: a poder facer inversións importantísimas con fondos propios, algo impensable anos atrás cando herdamos unhas arcas municipais lastradas polas débedas e sentenzas condenatorias por impago", engade.