O parque canino de Silleda acolle o vindeiro sábado 24 a xornada FESTICAN, con exhibicións e concursos

Silleda acolle o vindeiro sábado día 24 o certame Festican, unha cita que busca fomentar a convivencia responsable entre persoas propietarias e mascotas caninas.

A cita será no parque canino, que abriu as súas portas en novembro do pasado ano, en horario de 10:00 a 14:00 horas. Ao longo da mañá haberá exhibicións e concursos, así como unha mostra de can palleiro de Galicia.

Todas as mascotas que se acheguen a primeira hora  poderán inscribirse para  participar nos certames. Haberá un de beleza e outro sobre trucos e habilidades. Así mesmo, deberán estar microchipadas e non se admitirán cans clasificados como de raza potencialmente perigosa sen bozal .

Haberá premios para os tres primeiros clasificados de cada certame, e agasallos para todas as mascotas participantes.

No tocante á exhibición, volverán ao recinto Kía e Lúa, dúas Border Collies que amosarán as súas destrezas ante o público guiadas polo seu propietario, Serafín López,  con interacción co público.

Durante a xornada, as persoas asistentes tamén poderán contemplar unha exposición de cans palleiro de Galicia, propiedade de Valentín González,   será o  Presidente do Club de Can de Palleiro, Daniel Conde,  quen expoñerá  en detalle as súas características.

“Con este certame buscamos visibilizar as boas prácticas de coidado e adestramento canino, crear comunidade e dinamizar a vida local arredor das mascotas, e ofrecer ao mesmo tempo un espazo lúdico e educativo fomentando o benestar animal”, indica a alcaldesa, Paula Fernández.

Festican conta coa inestimable contribución do adestrador canino silledense Tony Lanzó, e conta coa colaboración das persoas voluntarias no programa de  xestión das colonias felinas do Concello de Silleda que contribúen co seu esforzo ao desenvolvemento desta a xornada;  de José Manuel Miragaia, presidente da Asociación de Cans Pastores de Galicia  (Acapogal) e de Carlos Belay.

A alcaldesa agradece así mesmo a todas as persoas e entidades que colaboran ca organización deste certame a súa disposición.

Dende o Concello convídase á veciñanza a participar nesta xornada lúdica, nun espazo seguro e respetuoso, que contará ca supervisión de persoal veterinario, entre outras medidas de seguridade.