O parquin xunto á igrexa de Fiestras quedará listo a vindeira semana

Silleda, 1 de maio de 2014. As obras para a dotación dunha zona de estacionamento xunto á igrexa parroquial de Fiestras comenzaron nos últimos días, dando resposta a unha das demandas dos veciños e veciñas da localidade. A  empresa adxudicataria destes traballos, Canterías y Obras Manuel Vaqueiro S.L.U., ten previsto rematar as obras na vindeira semana, co que os residentes e usuarios verán mellorado o entorno da igrexa parroquial así coma os accesos con esta actuación .

A Concellería de Medio Rural e Obras, que dirixe Klaus Brey, promove este proxecto que aposta  pola dotación dun espazo de aparcamento nas inmediacións do templo parroquial de San Martiño, xa que a localidade non dispón de sitio suficiente para acoller este servizo, polo que moitas veces os vehículos invadían a pista de acceso.

Dende o goberno municipal reitérase o agradecemento ao propietario da finca que cedeu o terreo para realizar esta dotación.

Os traballos están incluídos dentro do Plan de Inversións da Deputación, que adxudicou as obras, con unha inversión de 35.652,78 euros. Ademais da limpeza e desbroce da zona de pradería onde se construirá o aparcamento, tamén se están abrindo zanxas, así coma o levantamento dun muro de contención. O estacionamento terá cabida para máis de 30 vehículos. “Era unha actuación moi necesaria para esta parroquia, e non só dará servizo aos usuarios da igrexa senón a todos os residentes nesta zona da localidade e tamén aos visitantes”, sinala o concelleiro, Klaus Brey.