O peche das pistas de pádel de O Castro xa está en marcha

Silleda, 27 de xuño de 2016.  A pasada semana comezaron as obras do peche das pistas de pádel de O Castro, adxudicadas á empresa Endenor, Mantenimiento y Servicios, S.L., ao presentar ésta a oferta máis vantaxosa, por un importe de 39.796,60 euros, IVE engadido.

Esta mañá, o concelleiro de obras, Klaus Brey, xunto con un membro do equipo técnico do concello, achegáronse a supervisar as obras, que se estima teñan unha duración de 55 días, e que consistirán no peche lateral das dúas pistas cun muro de fábrica de bloque prefabricado de formigón armado, ata unha altura de 3,40 metros, e a continuación unha placa de polipropileno polas fachadas este, oeste, e norte, de 1,40 metros. Finalmente prevese a colocación dunha prancha de aceiro pre-lacado.

Lembrar tamén que para esta actuación o Concello de Silleda conta con unha subvención de Vicepresidencia para a creación ou mellora das infraestruturas, dotacións, instalacións e equipamentos vinculados á prestación de servizos municipais, destinadas a concellos de Galicia para o presente ano, co-financiadas polo Feader, e consistentes no 80% do orzamento elixible do proxecto, financiándose o resto con cargo a fondos municipais.