O prazo para participar no obradoiro informativo sobre recursos e axudas á mocidade remata esta semana

Silleda, 21 de outubro de 2013. As persoas interesadas en participar no obradoiro do programa Plan Activa 2013, que recalará o vindeiro día 4 de novembro en Silleda, deben de anotarse ao longo desta semana. Trátase dunha sesión informativa para mozos e mozas. A cita será na Casa da Xuventude, ás 17.00 horas.

As persoas interesadas en asistir a esta sesión, que terá dúas horas de duración, poden informarse e inscribirse neste centro municipal (986 580064). Ademais, os menores de 30 anos que asistan recibirán o correspondente diploma de asistencia.

Para a celebración desta actividade é preciso contar cun mínimo de 10 persoas, que deben de inscribirse na Casa da Xuventude. Na sesión informarase sobre programas e axudas dirixidos á mocidade. Así, informarase sobre axudas en materia de mobilidade, participación, formación, vivenda, voluntarios, emprego ou outras subvencións dirixidas ao colectivo.

Co ánimo de difundir os programas e aportar información á mocidade, abordaranse ademais distintos contidos, coma os carnés xoves, campañas de verán, de intercambio xuvenil, formación…