O prazo para solicitar a bonificación do 95% no IBI das explotacións agrarias está aberto ata o 31 de marzo

Silleda, 5 de xaneiro de 2019.  O prazo para solicitar a  bonificación do 95% no Imposto de Bens Inmobles (IBI) para as explotacións agrogandeiras acordada polo Concello de Silleda está xa aberto. A modificación da ordenanza que regula esta bonificación aprobouse en pleno en maio de 2016, entrando en vigor a medida en xaneiro de 2017. A normativa establecese que esta medida debe aplicarse con carácter rogado, o que significa que os propietarios deben de solicitar esta bonificación. As solicitudes poden presentarse ata o 31 de marzo. Nos dous últimos anos  tramitáronse preto de 300 solicitudes por anualidade

Os propietarios de granxas, estabulacións, naves, galpóns, ou invernadoiros –sempre que estén en activo- deben acudir  Punto de Información Catastral (PIC) do Concello, situado nas oficinas municipais da rúa Alfonso Trabazo, para solicitar a correspondente bonificación. Alí deberán de presentar a documentación oportuna para acollerse a este desconto que posibilitou a proposta de Alcaldía aprobada inicialmente no Pleno de maio de 2016. No caso daqueles veciños que xa solicitaron este ano a bonificación, terán que acreditar só que continúan coa actividade agraria.

Coa modificación da normativa municipal recóllese a bonificación do 95% da parte da cuota íntegra do Imposto de Bens Inmobles (IBI) na construcción de instalacións rústicas indispensables para o desenvolvemento de explotacións agrícolas, gandeiras e forestais, coa declaración previa de especial interese e utilidade pública municipal, social e de fomento do emprego.

Unha medida pioneira

Esta medida xurdiu como resposta á aplicación da resolución da Dirección Xeral do Catastro, que marca como prazo ata o ano 2016 para levar a cabo a actualización pola cal se teñen que catastrar todas as fincas do rural, así como dar de alta bens como instalacións rústicas, que son catalogadas como almacéns ou vivendas.

A consecuencia disto, as instalacións agrarias pasaron a incluirse no ano 2016  no Imposto de Bens e Inmobles, pasando  a pagar a cota correspondente.

Dende o Concello, e acolléndose á normativa que permite as bonificacións potestativas, instouse ó pleno a establecer o máximo permitido de bonificación da cota íntegra do IBI, (95%), declarando ao sector gandeiro como sector estratéxico. Silleda convertiuse no primeiro municipio de Galicia en aplicar esta medida.

“Ningúen dubida do peso do sector primario no noso Concello”, sinala o alcalde e responsable municipal de Facenda, Manuel Cuíña, que advirte que con esta bonificación “continuamos axudando a un sector que se viu afectado por esta revisión catastral do Estado logo das moitas vicisitudes polas que vén pasando nos últimos anos”, engade.