O Programa Aurora remata con éxito, cun 40 por cento das usuarias no mercado laboral

 

 

Silleda, 8 de marzo de 2013.  O Programa Aurora, promovido polo  Concello de Silleda e o Instituto de la Mujer, organismo adscrito ao Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, vén de rematar no municipio con gran éxito.

Así, o programa, financiado a través do Fondo Social Europeo e o Instituto da Muller, do Goberno de España, e que ten como obxectivo promover a empregabilidade das mulleres no ámbito rural, acadou na  segunda fase unha inserción laboral do 40%.

Das 25 usuarias que participaron, 10 foron contratadas polas empresas nas que realizaron as prácticas durante o período de formación. En Decembro, ao remate do programa, sete delas contaban cun contrato laboral a xornada completa e outras tres cun contrato por horas.

            “Estes datos demostran unha vez máis o éxito desta iniciativa, así como a implicación e traballo das usuarias e o apoio das empresas que participaron no programa”, sinala a concelleira de Emprego de Silleda, Margarita Campos.

 

O Programa Aurora, que xa comezou en Silleda no ano 2011, rematou o pasado mes de decembro, despois de impartirse durante catro meses a segunda fase da iniciativa, na que a formación se combinou con prácticas en empresas. A maioría das participantes estiveron hoxe, Día da Muller Traballadora, recollendo os seus respectivos diplomas de participación no ciclo nun acto celebrado na Casa da Xuventude, presidido pola alcaldesa, Paula Fernández Pena.

 

Formación específica e etapa práctica

Unha das premisas do Programa Aurora,  pasa por ofrecer unha formación ocupacional que se adecue ás novas demandas do mercado de traballo e ao entorno empresarial do municipio e da comarca.

Nesta segunda fase ademais de ciclos teóricos xenéricos (curso de habilidades sociais e educación laboral, módulo de de orientación e asesoramento para a inserción laboral…) tamén se impartiron outros manipuladora de alimentos, prevención en riscos laborais e cursos específicos. As 25 usuarias do programa participaron en  módulos que foron combinando coñecementos teóricos con prácticas en empresas do municipio silledense, ás que dende o Concello de Silleda, se lle agradece a súa colaboración e implicación nesta iniciativa. Así o módulo de auxiliar de servizos de cociña para colectividades tivo a formación práctica na empresa Culinaria; o de producción en granxa porcina en Nudesa; o de operaria de producción en cadena, en Agapel Pelting, o de formadora de persoas con discapacidade no Centro de Cogami, en Medelo; e o de auxiliar de axuda a domicilio na Residencia San Miguel, de Ponte.

Coesco, Educadeza e Acode encargararonse da xestión técnica do programa, con formación transversal, orientación laboral e tutorización das prácticas nas empresas.

Do mesmo xeito, tamén se impartiron talleres de formación nunha cooperativa do textil,  logo de amosar as alumnas o  seu interese na creación de proxectos cooperativos no sector do punto.  

 

Aposta polo autoemprego

Paula Fernández explicou que dende o Concello de Silleda se brindará “todo o apoio posible a esta interesante iniciativa”, polo que durante un periodo de dous meses, se continuará traballando con estas mulleres para completar a súa formación.

Para elo poñerase en marcha un taller de generación de autoemprego, cun módulo de prásticas de remate de punto, que será impartido  no Centro Social dos Maiores da Bandeira para que continúen a súa formación con cursos non reglados, mantendose para elo a colaboración coa  cooperativa lalinense, que facilitará medios mateirais para as prácticas.

“Dende a Concellería de Emprego e dende este goberno municipal, á vista da situación no ámbito laboral e de que a día de hoxe temos un total de 477 persoas inscritas na bolsa municipal de Emprego (Silleda Emprega), queremos apostar polo autoemprego nas nosas políticas para facilitar o acceso dos vecinos e veciñas ao mercado laboral”, sinalou a alcaldesa.

Deste xeito, Paula Fernández avanzou que dende o Concello se lle dará  o apoio e asesoramento ao emprendedores e emprendedoras que decidan apostar por esta vía, habilitando  espacios municipais para o impulso de novas inciativas empresariais fundamentadas no cooperativismo e o autoemprego “Queremos potenciar o autoemprego, que dende o Concello poidamos actuar como lanzadeiras de novos proxectos con esta saída como protagonista”, engade.

 

Perfil das usuarias

Nesta segunda fase traballouse buscando mellorar a autoestima das usuarias, así coma as súas habilidades sociais. A implicación das participantes,  con sesión moi dinámicas e participativas foi outra das claves do éxito do programa.

En canto ao perfil das usuarias, a maioría das participantes teñen entre 26 e 45 anos, e o 44% contan con estudios de ESO, BUP ou FP.  Ademais máis do 50% levaban entre 1 e 2 anos en situación de desemprego.

 

Paula Fernández lembrou que as 25 participantes foron seleccionadas precisamente a través do programa municipal Silleda Emprega, no que máis do 55% das persoas inscritas como demandantes de emprego son mulleres.

 

“En definitiva, o Programa Aurora cumpriu os obxectivos fixados, e aínda que os datos relativos á  inserción laboral das participantes poidan parecer tímidos, hai que ter en conta que a través desta iniciativa poden xurdir proxectos interesantes coma a cooperativa de textil, que contará con todo o noso apoio”, sinalou a alcaldesa, que quixo agradecer expresamente o compromiso amosado por Culinaria, Nudesa, Agapel, Cogami e Fogar de San Miguel, empresas que participaron no programa e que nalgún caso contrataron á algunhas das participantes.

 

Na súa intervención, ademais de repasar os bos resultados da iniciativa, Paula Fernández destacou a grande implicación das 25 participantes e anunciou a posta en marcha dun proxecto xurdido a través do Programa Aurora. Así, algunhas das participantes están a barrallar a creación dunha cooperativa textil de punto. “En días pasados mantiven unha reunión con estas emprendoras que participaron no plan Aurora e que recibiron formación neste ámbito”, sinalou a rexedora.