O programa Avelaíña volta en outubro con obradoiros sobre as emocións para familias con nenos ata 6 anos

Silleda, 20 de setembro de 2016.  O programa Avelaíña, posto en marcha o pasado ano pola Concellería de Cultura de Silleda para o público infantil e as súas familias , retoma a súa actividade o vindeiro mes de outubro con senllos obradoiros.

A primeira das citas será o sábado día 8 na Casa da Xuventude de Silleda, en horario de 11:00 a 13:00 horas.  Baixo o título “Emociónante” nesta sesión a modo de charla-coloquio abordaránse cuestións coma o desenvolvemento emocional dos cativos, a importancia  do vínculo afectivo para un desenvolvemento positivo, ou a presencia de diferentes medos segundo as etapas evolutivas… Tamén se busca concierciar do modelo que exercen os pais/nais na vidas dos nenos e nenas a nivel emocional, de actitudes e comportamentos. Unha das cuestións sobre as que se incidirá serán os berrínches, dando consellos para que os pais/nais entendan mellor as necesidades emocionais dos seus fillos e adquiran habilidades para axudar a superar a etapa dos berrinches, anticipándose a eles para poder evitalos.

Conciliación familiar

Esta sesión está dirixida a pais/nais/titores de nenos /as de ata 6 anos. Deste xeito, e a fin de facilitar a conciliación familiar, o programa Avelaíña poñerá a disposición dos asistentes un servizo de monitores para atender aos nenos e nenas durante o tempo que dure a sesión.

O segundo obradoiro terá lugar na Bandeira, no Centro Cultural Vista Alegre, o sábado día 22 de outubro, tamén de 11:00 a 13:00 horas. Baixo o título “Unha viaxe polo mundo das emocións”, os pais e nais terán a oportunidade de acompañar aos cativos polo fascinante mundo das emocións a través dun conto de das actividades que se desprenden da súa narración, ilustración e video. A música, a expresión corporal ou o debuxo plástico son algúns dos recursos que se empregarán neste obradoiro, destinado neste caso a todos os membros da familia.

Entre os obxectivos da sesión figura fomentar o vínculo afectivo familiar, entender e identificar as emocións básicas, ou recoñecer situacións que producen e desencadenan as diferentes emocións, entre outros.

Inscricións

Os dous obradoiros, ao igual que todas as actividades do programa Avelaíña, son totalmente gratuitos. As persoas que desexen asistir só teñen que anotarse no Concello de Silleda (986 580000) ou á Casa da Xuventude (986 580064).

O programa Avelaíña botou a andar en outubro do pasado ano con varias áreas de actuación. Así, ademais de contar con senllos centros lúdicos infantís en Silleda e na Bandeira tamén se iniciou o programa de actividades específicas, tanto para os cativos como para as súas familias, con charlas e actividades relacionadas coa crianza e outras actuacións máis lúdicas.