O programa Cultura no Camiño recala de novo en Silleda o sábado 24 coa comedia O Furancho, no auditorio da Bandeira

O programa “Cultura no camiño” volta de novo en Silleda da man do teatro. Así, o vindeiro sábado día 24 recalará na vila da Bandeira a obra “O Furancho”, de Ibuprofeno Teatro, con Marián Bañobre e Isabel Risco.

A comedia, para todos os públicos, representarase ás 21:00 horas no auditorio Manuel Dopazo, con entrada libre.

As dúas actrices, ao frente deste Furancho Spa Resort Vitivinómica Rosalía de Castro, ofrecerán ao público unha nova proposta chea de humor e complicidade co público.

Escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, O Furancho vén de recibir ademais diversos premios na escea galega, coma o María Casares 2016 ao Mellor Vestiario, -foi finalista tamén nesta edición do María Casares ao Mellor Autor_ ou os Fetega (Festival do Carballiño) á mellor actriz (Isabel Risco) e Mellor Espectáculo e o Premio Fetega (Festival do Carballiño) a Mellor espectáculo e Mellor Actriz (Isabel Risco).

Ibuprofeno teatro, naceu en 2010, da man de  Santiago Cortegoso e Marián Bañobre, dous profesionais que -despois de anos de traxectoria en numerosas compañías galegas e foráneas promoveron o seu propio selo de produción, para emprender proxectos teatrais dun xeito persoal e independente.

A compañía ten en cartel ademais outras propostas como Raclette, (que o mes pasado foi elixido como Mellor Espectáculo de Sala na XIX Feira de Teatro de Castela e León, celebrada en Ciudad Rodrigo) Fitness, ou A filla de Woody Allen.