O programa de Nadal de Silleda contará con 50 actividades, coa música e a solidariedade como protagonistas

Silleda, 3 de decembro de 2014. O alcalde e concelleiro de Cultura, Manuel Cuiña, deu a coñecer hoxe o programa de Nadal 2014-2015, que conta con preto de medio centenar de actividades.

Esta ampla oferta terá, un ano máis como denominador común a solidariedade. “Como vén sendo habitual, o programa Silleda Solidaria estará presente en varias das actividades, no que se recollerán doazóns óns de xoguetes, alimentos e aportacións económicas para que todas as familias silledenses poidan disfrutar destas datas”, sinala o alcalde.

Así, baixo o lema ‘Ningunha familia sen Nadal’ colocaranse a partir deste venres día 5 varias ‘árbores solidarias’ en distintas instalacións municipais. Preténdese, con isto, ofertar un maior número de puntos de recollida para todos aqueles vecinos que desexen colaborar con esta campaña. Ao pé destas árbores poderánse deixar alimentos, xoguetes, produtos de de hixiene e aseo, roupa… Estas árbores solidarias estarán situadas na Casa da Xuventude, no Centro Social de Silleda, Casa da Cultura de Silleda e Centro Vista Alegre de Bandeira. Dende o día 5 de decembro xa se poderá facer uso destes novos puntos de recollida, que estarán fixados durante todo o Nadal.

“O ano pasado foi incrible a colaboración solidaria da cidadanía durante o programa”, sinalou Cuiña, apuntando que a aportación económica superou os 500 euros e se recolleron máis de 150 kilos de alimentos ademais de moitos xoguetes e xogos.

A música será outro dos denominadores comúns da programación deste ano, con actividades adicadas as dúas bandas de música do municipio, para visibilizar e recoñecer a labor realizada e os logros acadados neste último ano. 

O día 7 de decembro a Asociación de veciños Olaia celebra o Día da Patrona en Silleda, cos oficios relixiosos e un concerto da banda xuvenil de Silleda cun ágape para todos os veciños no Centro parroquial.

O día 9 dan comezo dúas das campañas máis veteranas dentro do programa de Nadal que son a XV edición do concurso de escaparates (que este ano contamos coa colaboración de ECOS, Espina y Delfín, Hotel Via Argentum e o IES Pintor Colmeiro) e a XIV Campaña da Árbore. Por outro lado, o Centro Cultural Vista Alegre acolle a inauguración do Nacemento e a árbore de Nadal, da asociación Vista Alegre.

“Ademais este ano celebramos a segunda edición do Concurso de Decoración nos centros educativos e estrenamos un novo certame escolar: Silledagasalla,  no que xa temos lemas e debuxos para que os comercios de ECOS conten con orixinais pegatinas para poñer este Nadal nos Regalos”, comenta.

O día 10 a Casa da Xuventude acolle o primeiro dos obradoiros dirixido a nenos e nenas que se sucederán durante todo o Nadal. A Asociación Vista Alegre organiza unha demostración de arte floral no Centro Cultural. Tamén nesa data a Concellería de Normalización Lingüística acolle o inicio do programa ‘elaboración cartas-menús’ en colaboración cos distintos establecementos hosteleiros.

O día 11, a Concellería de Mocidade organiza un obradoiro infantil de estrelas e carámbanos, na Casa da Xuventude.

Xa o venres 12, a Casa da Xuventude acolle o obradoiro infantil ‘Caixa Pai Nadal’. É nesta data onde tamén se inaugura a exposición ‘Homenaxe a unha maneira de facer música’. Esta exposición ocupará a aula de exposicións do Centro Cultural Vista Alegre e a aula B da casa da Cultura de Silleda. Trátase de dúas actividades dentro dunha mesma exposición na que se pretende homenaxear ás dúas Bandas de Música do municipio, recoñecendo a súa labor a prol da música e de Silleda. A inauguración da exposición de Bandeira será ás 20:00 horas e en Silleda será ás 21:00 horas.

Uxía Blanco, presentadora no Aniversario do auditorio

O sábado 13 celébrase o X Aniversario do Auditorio Manuel Dopazo. Será ás 20:00 horas coas actuacións de Fortín da Pomba, Xirandola, o grupo de Veteranos da Banda, o Coro Vales Mahía e a Banda de Música recreativa e Cultural de Bandeira. Nesta xornada entregaranse aos asistentes calendarios do vindeiro ano con fotos de todos os grupos da localidade. O recital estará conducido pola actriz e presentadora Uxía Blanco, moi coñecida pola súa participación en diferentes películas, logo do seu salto ao cine con “Sempre Xonxa”, series (na actualidade participa na exitosa Serramoura, da TVG) ou como condutora de programas de televisión (Dzine ou As viaxeiras da lúa).

O día 15, darán comezo as actividades ‘Mentres espero, leo’ e ‘Árbore de Nadal Floral’. Ambas actividades programadas dende a Biblioteca Municipal Daniel Castelao. No caso da primeira, trátase da colocación nos dous centros médicos de Silleda e Bandeira dunha estantería cunha variada oferta de lectura (novelas, contos…)para facer máis levadeira a espera nestes servizos. Cabe resaltar as boas críticas que obtivo en anteriores edicións. En canto á ‘Árbore de Nadal Floral’ é unha actividade que se realiza na propia Biblioteca, onde os usuarios colaboran coas súas aportacións a decorar a árbore de Nadal. Este ano realizarase cos nomes das flora autóctona do Deza. A Asociación Cultural Vista Alegre acolle un obradoiro de arte floral no Centro Cultural.

O martes 16 a Casa da Xuventude acolle o obradoiro ‘Caixa boneco de neve’ para os cativos e cativas que desexen participar.

O día 17 seguen os obradoiros infantís na casa da xuventude co obradoiro ‘Flores de Nadal’ e tamén nesa mesma instalación se abre ao público a exposición da actividade da Concellería de Normalización Lingüística ‘Silledagasalla’.

O mércores 18, o obradoiro infantil  ‘Decora a túa mesa’ na casa da xuventude, aglutina a actividade desta data.

O venres 19, son varias as actividades a destacar. Por un lado, os maiores celebran a súa Xuntanza de Nadal no Restaurante Coteliño, a partires das 14:00 h. A casa da xuventude acolle a primeira das citas deportivas do Nadal, co campionato de ping pong ás 16:00 h. A Asociación Cultural Vista Alegre organiza unha demostración gastronómica de Nadal, no Centro Cultural de Bandeira. Tamén nesa xornada, a Escola de música de Bandeira celebra o seu Festival de Nadal no Auditorio Manuel Dopazo.

O sábado 20 de decembro, o pavillón municipal César González Fares acolle o triangular feminino a partires das 18:00 h. Dous grandes concertos tamén se dan cita nesta data, por un lado a Coral Polifónica Trasdeza ofrece o seu concerto de Nadal na igrexa parroquial ás 19:30; por outro lado, e xa no Auditorio da Semana Verde, celébrase o Concerto de Nadal da Banda de Música Municipal de Silleda ás 21:00 h baixo o título ‘BALANSIYYA – Un grito pola paz’. A parroquia de Parada acolle este sábado a celebración de Sto. Tomé.

O domingo 21, a música volve a ser a protagonista da xornada. A escola de música de Silleda ofrece unha Audición de Nadal no Auditorio da Semana Verde ás 17:00 h, e a Banda de Música Recreativa e Cultural de Bandeira dará un concerto acompañada do grupo Odaiko no Auditorio Manuel Dopazo ás 18:30 h.

O luns 22 seguen os obradoiros infantís na Casa da xuventude, cunha actividade centrada na colaboración coa cabalgata de Reis. Tamén a Asociación Cultural Vista Alegre acolle unha segunda cita gastronómica cunha demostración no Centro Cultural.

O día 23 a casa da xuventude acolle a segunda parte do obradoiro de colaboración coa cabalgata de Reis. Por outra banda, a Asociación Cultural Vista Alegre celebra unha sesión de cine de Nadal no Centro Cultural.

Xa o día 25, día de Nadal, Bandeira acolle o tradicional desfile de Papa Noel. Comezará ás 17:00 horas con saída dende as inmediacións do Auditorio Manuel Dopazo, acompañado pola súa comitiva de paxes e unha represenatación da Banda Xuvenil de Bandeira. O percorrido será polas principais rúas da vila e chegará ao Centro Cultural onde se realizará a recepción de todos os nenos e nenas que así o desexen. Haberá chocolatada para todos os asistentes.

O 26 a Biblioteca Daniel Castelao celebra unha sesión de contacontos infantil de Nadal.

O sábado 27, unha nova cita co deporte no ‘Campionato Biberón’. Este ano celébrase a II Edición, na que os máis cativos da casa son os protagonistas. Xunto con este torneo, tamén se realizarán exhibicións das escolas deportivas. Será ás 17:00 h.

O 29 a Casa da Xuventude realiza un obradoiro de decoración para a festa de fin de ano infantil. Tamén o centro cultural Vista Alegre acolle unha sesión de Zumba infantil a partires das 17:00 h.

Xa o día 30 os pequenos teñen cita na Casa da xuventude de Silleda coa festa de fin de ano infantil, con animación e merenda para todos os asistentes. Tamén os maiores celebran no centro social de Silleda co ‘Ensaio de fin de ano’ a partires das 20:00 h.

O venres 2 de xaneiro a casa da xuventude acolle o obradoiro ‘Cartas aos Reis’ a partires das 17:00 h. Por outro lado a Asociación Cultural Vista Alegre celebra unha nova edición de cine infantil de Nadal.

O 3 de xaneiro, a música volve a ser a principal actividade do día. Ás 20:00 h o Auditorio Manuel Dopazo acolle o ‘Concerto de Aninovo’ coas actuacións de Fortín da Pomba, Xirandola, Coro Vales Mahía e a Banda de Música de Bandeira.

O programa rematará o día 5 de xaneiro, coa tradicional Cabalgata de Reis que percorrerá as rúas de Silleda, tamén coa música como lema deste ano. Ás  18:00 h recepción dos Reis Magos na Casa da Cultura de Silleda. Logo, acompañados da comitiva de paxes e da Banda Xuvenil de Silleda, percorrerá as principais rúas da vila ata o Pavillón Muncipal César González Fares, onde recibirán a todos os nenos e nenas. Haberá chocolate con churros de balde para todos os presentes.

O alcalde, que estivo acompañada polos concelleiros Pilar Peón e Luis Rodríguez, e pola técnica municipal de Cultura, Sara Blanco, destacou que o programa “é ambicioso, coma nos últimos anos”, e con unha oferta moi variada.

Alumeado de Nadal nas rúas e Peke Programa

Por outra banda, Cuiña tamén explicou que o Concello fará un esforzó este ano, acorde coa mellora da economía municipal, e colocará arcos lumínicos nas principais rúas de Silleda e da Bandeira e nas interseccións coa N-525. “O ano pasado só se colocaron detalles nos edificios públicos, pero este ano decidimos tamén colocar algunhas luces nas rúas principais, pero poucos, continuando coa filosofía de aforro destes últimos anos”, engade Cuiña.

O programa, ao igual que en anos anteriores será remitido a todos os fogares do municipio. Por outra banda, tamén se editará un Peke Programa para os máis cativos da casa, que se repartirá en todos os centros educativos.

Dende o Concello o alcalde tamén fai un agradecemento a todas as asociacións, colectivos, empresas, e centros educativos que colaboran activamente co programa de Nadal.