O programa de reforzo escolar para obter o Graduado ou acceder a Ciclos Medios comeza o martes 22

Silleda, 19 de outubro de 2013.  O Concello de Silleda, a través do departamento de Educación, continúa a desenvolver o Programa de Redución do Abandono Escolar, cun ciclo de asesoramento e orientación para superar as probas de acceso a Ciclos Medios e as probas libres para a obtención do graduado escolar.

As clases comezan o vindeiro martes día 22, con 8 alumnos/as inscritos, na Casa da Cultura. Será neste edificio municipal onde se celebren as sesións, todos os martes en horario de 10.00 a 14.00 horas, ata maio do vindeiro ano, mes en que se realizarán os exames de acceso.

Para esta actividade crearanse grupos de traballo e estudo nos cales os participantes contarán con axuda profesional axeitada para preparar as probas. Este curso, incluído todo o material necesario, non ten custe algún para os usuarios.

 O programa de reforzo escolar comezou en Silleda o pasado mes de agosto con sesións dirixidas ao  alumnado de 3º e 4º da ESO nas que se traballaron cuestións coma a motivación.

Dende a Concellería de Educación, Pilar Peón lembra que se trata dun programa novidoso e pioneiro na comarca do Deza e que ademais de contribuir a reducir a taxa de abandono escolar “busca, con esta segunda etapa dar unha nova oportunidade a todas aquelas persoas maiores de 17 anos que queiran abrirse novos camiños a nivel profesional mellorando a súa formación ou ben rematando os estudos básicos”, engade.