O programa DepoFroitos chega a Silleda o vindeiro venres día 6, para impulsar o cultivo de froitos do bosque autóctonos

Silleda, 22 de febreiro de 2020.  Impulsar as producións de froitos do bosque de calidade en terreos de cultivo abandonados coa finalidade de mellorar a empregabilidade das e dos habitantes de zonas Rede Natura da Provincia de Pontevedra e do Principado de Asturias, é o obxectivo fundamental do proxecto «DepoFroitos«, posto en marcha pola Deputación de Pontevedra, que comezará a súa andaina durante o mes de marzo con accións formativas en 12 concellos da provincia.

O programa é cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) no marco do Programa Operativo Formación e Educación (POEFE) e a Fundación Biodiversidade a través do Programa EmpleaVerde do Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico. Deste xeito, as accións de carácter gratuíto están dirixidas a conseguir formación e emprego de calidade.

En concreto, haberá un total de 12 accións en diferentes puntos da provincia durante o mes de marzo. En Silleda a cita será o vindeiro venres día 6 de marzo, cunha sesión aberta ao público interesado que terá lugar na Casa da Cultura en horario de 12:00 a 14:00 horas.

Ofértanse entre 10 e 15 prazas e as persoas interesadas deben anotarse chamando ao teléfono  886 210725 ou ben a través do enderezo electrónico defroitos@depo.gal.

Profundarase especialmente en como emprender no sector dos froitos do bosque, fomentando a creación de ideas que promovan o desenvolvemento sustentable en zonas despoboadas e rurais que ofrezan solucións creativas e innovadoras aos retos socio-ambientais actuais e opcións sustentables de usos e prácticas que melloren a relación do ser humano co planeta, así como facilitar a comercialización das producións e crear unha agrupación comercial de froitos do bosque.

Ademais, promoveranse outras actividades: elaboración de estudos técnicos de parcelas para o posible cultivo de froitos do bosque a través estudos climáticos, edafolóxicos, estudos da auga de rega, do material vexetal, de mercado e de rendibilidade, e creación dunha agrupación comercial para reducir custos e obter maiores beneficios ao situar o produto a prezos máis competitivos. Cada persoa destinataria do proxecto terá un servizo de asesoría e consultaría gratuíto na modalidade en liña (e-mail, teléfono e WhatsApp).

Os froitos do bosque, entre os que se atopan a mora, o arando ou a framboesa, son un tipo de froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de comercialización. Os produtos que se procura poñer en valor son moi prezados por as e os consumidores, piden pouco terreo para a súa produción e teñen un custo inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.