O proxecto do Centro Agrario de Silleda segue avanzando

-Xa están previstas plantacións nos próximos meses, así como xornadas de formación en agricultura ecolóxica e comercialización de produtos agrarios

Silleda, 16 de abril de 2016.  Técnicos da empresa Quorum mantiveron una reunión co alcalde Manuel Cuiña e co concelleiro de Medio Rural, Jesús Lázara na mañá do pasado venres co fin de analizar e facer un seguimento do proxecto do Centro Agrario de Silleda.

Así, son varias as cuestións que xa van collendo forma e encamiñándose a facer realidade o proxecto.

Na vindeira semana programarase unha reunión con todos aqueles voluntarios que se anotaron para participar, ben facendo cultivos experimentais en terreos propios, ou ben con algunha inquedanza no sector agrícola, co fin de informalos e mantelos ó corrente sobre o discorrer do proceso.

Dentro de os 14 voluntarios que hai anotados ata o momento, 4 de eles empezarán un proxecto emprendedor de novos cultivos nos próximos meses, en canto as condicións meteorolóxicas o permitan.

Así, na parroquia de Cortegada un dos voluntarios posúe unha finca de aproximadamente 6000 metros cadrados, na que quere producir horta en exterior de pequenos froitos, (arandos, grosella, mora…, etc.), e árbores frutais. Nunha segunda fase prevese a instalación dun invernadoiro tipo túnel para completar as rotacións ecolóxicas da horta.

En Cervaña, unha xove emprendedora está a valorar a posibilidade de iniciar a actividade agraria nunha horta ó aire libre, coa plantación de grelos, coliflor, repolo ou brócoli. Tamén ten unha grande inquietude sobre o cultivo de herbas aromáticas.

En Lamela tamén se pretende iniciar o cultivo de produtos ecolóxicos en horta exterior, con expectativas de venda a unha tenda especializada en Santiago de Compostela.

Na parroquia de Xestoso outro dos voluntarios ten a intención de facer unha plantación de arandos e froitos do bosque en xeral, combinándoa coa cría de algún tipo de animal doméstico.

Nunha segunda fase do proxecto farase unha análise do terreo das fincas municipais de Ponte para saber en qué situación está e qué preparacións serían necesarias para nun futuro poder cultivar nelas. Nesta fase incorporaranse os voluntarios que non teñen terreo propio, ós que se lles ofrecerán estas terras para preparalas e cultivalas.

Outra das actividades previstas para os próximos meses son as xornadas formativas. Estase a traballar sobre a impartición de charlas sobre:

–         Horticultura ecolóxica

–         Emprendemento agrario, proxectos emprendedores no agro

–         Novos cultivos – novas oportunidades, (cultivo de lúpulo, mazá de sidra, arando…)

–         Comercialización dos produtos agrarios, (venda por internet ou en tendas especializadas)