O proxecto para crear un centro multiusos na zona deportiva de Silleda concorrerá ás axudas do Programa Leader

Silleda, 10 de marzo de 2017.  A Xunta de Goberno Local de Silleda vén de aprobar o proxecto do chamado “Centro Multiusos para Inserción Social” , un proxecto que busca contar cun local multiusos para a realización de distintas actividades no recinto deportivo de Silleda, onde se situan o campo de fútbol de Outeiriño, o pavillón deportivo “César G. Fares” e as piscinas municipais.

O custe total da actuación, segundo o proxecto encargado dende o Concello de Silleda é de 101.688 euros. A iniciativa será presentada á convocatoria de axudas do programa Leader, a través do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Terras de Pontevedra Norte.

“Trátase dun proxecto a medio prazo no que xa levamos pensando dende hai tempo para dotar a esta zona deportiva dun novo espazo de carácter social, onde ademais da práctica de deporte se poidan celebrar outro tipo de actividades complementarias”, indica o alcalde, Manuel Cuiña.

Así, co obxectivo de mellorar tanto as instalacións muncipais como os servizos para a cidadanía, plantéxase na parte superior dos actuais vestiarios do campo de fútbol (entre o terreo de xogo e a zona das piscinas municipais) un centro con varias aulas, no que se poderán desenvover dende cursos e obradoiros atra outras actividades relacionadas tanto co mundo do deporte e o benestar (primeiros auxilios, nutrición, saúde preventiva…) ata outras actividades de carácter social. Tamén se establecerá unha aula con aparellos de xinmasia para complementar as actividades deportivas.

A superficie total construida que se plantexa e de 124 metros cadrados. Distribuiríanse en dúas aulas, aula de ximansia, recepción, aseos, unha pequena oficina e un pasillo.

“Consideramos que se trata dun proxecto de interese para o que esperamos contar co apoio destas axudas, e que virá a completar os servizos nunha zona que utilizan a diario centos de usuarios, tendo en conta que ademais das escolas deportivas o recinto se atopa nunha zona onde se concentran ademais a Escola de Música, centros educativos ou o recinto da Semana Verde”, engade o alcalde.

Cuiña lembra que ainda que a actuación prioritaria nestes momentos para o recinto é a renovación do campo do Outeiriño, na que se investirán máis de 200.000 euros xa contemplados no orzamento municipal e co proxecto xa aprobado, “ a dotación deste centro multiusos é outra das grandes apostas deste goberno por ampliar e mellorar a oferta para os nosos veciños e veciñas”, engade.