O servizo de recollida de enseres a domicilio comezará a prestarse o vindeiro mércores día 13

Silleda, 9 de marzo de 2019. O servizo de recollida de enseres domésticos a domicilio comezará a funcionar a vindeira semana. O mércores día 13 será o primeiro día de recollida. A partir de pasado mañá luns os silledenses dispoñen dun número de teléfono gratuito para deixar os avisos, o 900 720190, que estará operativo de luns a venres en horario de 09:30 a 13:30 horas.

Os días de recollida serán os mércores, xornada na que está aberto o punto limpo. Cada semana realizarase as recollidas dos avisos que se reciban ata o día anterior. Os usuarios deberán depositar os enseres os martes pola noite no lugar onde lles sexa indicado.

Todos estes detalles do novo servizo que ofrece de xeito gratuito o Concello de Silleda pecháronse a finais desta semana na reunión que mantivo o alcalde, Manuel Cuiña, cos responsables da empresa Urbaser, adxudicataria da recollida do lixo, e que se encargará tamén de realizar a de enseres a domicilio. Cuiña asinou o acordo co xefe de producción de Urbaser, Manuel Fernández.

Trípticos informativos e chamada á colaboración

Un dos acordos pasa pola edición de trípticos informativos sobre o funcionamento do servizo, que se enviarán a todos os domicilios nos vindeiros días, “para que todos os veciños e veciñas saiban deste novo servizo á súa disposición”.

Así mesmo, dende o Concello de Silleda tamén se fai un chamamento á colaboración cidadá para o correcto funcionamento do servizo, incidindo en que só se poden depositar residuos voluminosos de carácter doméstico, para a súa posterior reciclaxe no punto limpo, e que deben depositarse na xornada anterior.

Así incídese en que non se recollerán por exemplo neumáticos nin residuos da construcción nin outros de carácter perigoso que non se poidan reciclar no punto limpo. “Todos estes detalles irán específicados no tríptico que se enviará a todos os domicilios”, explica o alcalde.

Un equipo formado por un conductor dun furgón habilitado ao efecto e un peón participarán nestas tarefas.

Trátase dun servizo moi demandado pola veciñanza, que xa exisitiu no seu día, -aínda que con menor periodicidade- e que agora “podemos retormar en mellores condicións grazas en boa medida á situación das arcas municipais, que nos permiten poder ofrecer máis e mellores servizos públicos”, engade o alcalde, Manuel Cuiña.

Así mesmo, Cuiña sinala que este novo servizo supón “unha importante mellora e un paso máis na xestión de residuos no municipio de Silleda evitando a acumulación con esta recollida porta a porta”, engade.